Noticias
27 de marzo de 2015
O Burela FS recibe a un esixente Roldán que chega a Vista Alegre sen presión

O Burela FS Pescados Rubén recibe mañá, na 23ª xornada de Primeira División, o Roldán FSF, un rival sempre esixente que chega a Vista Alegre defendendo a novena praza (28 puntos). As pupilas de Lucas inaugurarán a Tarde Laranxa, ás 16.00 horas, antes do encontro de Primeira LNFS entre os da Mariña e o CFS Uruguay Tenerife (18.30 horas).


“É un rival ben traballado, moi físico, moi incisivo, que presiona arriba. Ten un cadro con moita xuventude, pero tamén con calidade” detallaba así Lucas as virtudes do Roldán, destacando que a súa mellor baza é que chega “sen presión na clasificación”. “Vainos esixir o 100% e se non o damos non teremos garantías dos tres puntos”, puntualizaba o técnico laranxa.


Lucas terá que afrontar a cita coas baixas xa coñecidas de Lara, por lesión, e Kiko, por enfermidade, ás que se suma a de Bea Mateos, cunha leve escordadura de xeonllo. Maite será dúbida, por un golpe nun pé durante un adestramento da semana.


Vista Alegre gardará un minuto de silencio antes do asubío inicial en memoria dos falecidos no accidente aéreo de Germanwings ocorrido esta semana nos Alpes, no que viaxaban 51 españois.


Convocatoria Burela Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 17. Maite, 13. Patri, 18. Shiori, 19. Paula, 20. Tainã.


Prezos especiais


Nunha tarde cento por cento laranxa, con partidos de Primeira División RFEF e LNFS, o club habilitará entradas especiais. Para os socios e menores de idade a Tarde Laranxa será gratuíta; os adultos non socios poderán gozar dos dous encontros por tan só 5 euros.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores