Noticias
28 de marzo de 2015
Burela FS Pescados Rubén 4-2 Roldán FSF
Foto: Marián García Mesa

O Burela FS Pescados Rubén sumou esta tarde a súa cuarta vitoria consecutiva, con 4-2, na visita a Vista Alegre, dun Roldán FSF atrevido. Tras a avalancha ofensiva da primeira parte, as pupilas de Lucas tivéronse que con conformar con marcharse ao descanso con empate 1-1 e pechar o encontro nos últimos seis minutos, con dous tantos. As xogadoras mariñás saltaron á pista lucindo nas súas camisetas unha mensaxe de ánimo a Rubén Blanco, fundador de Pescados Rubén SL, convalecente dunha recente intervención cirúrxica.


Antes de cumprirse o minuto 3 Maite, nun pase longo de Jozi, e Peque, desde a banda, xa puxeron a proba a solidez da meta visitante. Segundos despois Maite de costas sobre Espe non puido coar unha asistencia de Peque e Gaby estrelou o esférico contra o pau. Máis tarde (minuto 7) a sorte non acompañou a Claudia, con axuda de Taina, na súa meteórica chegada sobre os paus do Roldán. Por fin chegou o merecido gol, no ecuador da primeira parte, con firma de Claudia nun lanzamento raso, con apoio de Shiori. A primeira ocasión das visitantes, no minuto 12, Jozi puido resolvela sen complicacións. As da Mariña tiveron nos seus pés dobre oportunidade, no 14, de Maite e despois Claudia, no rexeite, que desbaratou Espe. Perdoaron as laranxas e aproveitou o Roldán segundos despois, con diana de Mirian, que a punto estivo de salvar Claudia ao bordo da liña de meta. Sobre a bucina, Peque intentou soprender a Espe por arriba desde fóra da área.


Con 1-1, a segunda parte empezou con sede de gol para as de Burela. Taina adiantou as locais, xa no minuto 21, nun lanzamento que rebotou en Anita Paris antes de coarse na rede. Pero volveron igualar a contenda as de Murcia no 24, cun balón de Inma Sojo pola banda que superou a Jozi ao bordo da área e ao que non puido chegar por atrás Shiori. O ‘case’ apropiouse das filas mariñás nos metros finais, con Gaby (minuto 29), Claudia e Gaby (minuto 30) e Taina (33), que non puideron controlar fronte a Espe; Mirian tamén tivo un balón de ouro no 29 fronte a Jozi, que saíu desviado. Con todo, unha inspirada Claudia volveu a perforar a portería murciana con Taina (minuto 34) e asistiu máis tarde (minuto 36) a Peque para anotar o 4-2. Foron á remontada as visitantes con xogo de cinco con Inma Sojo á fronte sen éxito; antes da bucina final aínda dispuxo Jozi dunha grande ocasión a porta baleira.


Ficha técnica


Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Gaby, Maite, Shiori, cinco inicial; tamén xogaron Claudia, Taina


Jimbee Roldán FSF: Espe, Anita Paris, Mayte Mateo, Inma Sojo, Juani, cinco inicial; tamén xogaron Mirian, Alba, Cristina Poveda


Goles: 1-0, minuto 10, Claudia; 1-1, minuto 15, Mirian; 2-1, minuto 21, Taina; 2-2, minuto 24, Inma Sojo; 3-2, minuto 34, Claudia; 4-2, minuto 36, Peque


Árbitros: Otero Baltasar //Castro Nantes (Pontevedra)


Tarxetas: Por Burela FS amarela a Gaby (minuto 37). Por Roldán amarela a Mirian (minuto 39)


Incidencias: Partido correspondente á xornada 23 de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre, con arredor de 400 espectadores. Minuto de silencio en memoria das vítimas no accidente aéreo de Germanwings desta semana nos Alpes.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores