Noticias
28 de marzo de 2015
Goleada na bomboneira
Foto: Marián García Mesa Foto: Marián García Mesa Foto: Marián García Mesa Foto: Marián García Mesa

O Burela FS Pescados Rubén volveu á liga e pechou a Tarde Laranxa da bomboneira con goleada ante o Uruguay Tenerife FS (6-1), con hattrick de Chano e dobrete de Antoñito, adornados co toque de Iago Míguez. Os de Juanlu afrontaron con seriedade o encontro ante un rival que chegou sen complexos a Vista Alegre, con ganas de xogar. O equipo laranxa luciu nas súas camisetas de inicio unha mensaxe de ánimo a Rubén Blanco, fundador de Pescados Rubén SL, convalecente dunha recente operación.


Os mariñáns tiveron que conter o ímpeto dos insulares nos primeiros compases, que buscaron en varias ocasións sorprender a Edu sen éxito nas zapatillas de Kevin. Tras o roubo de Carlitos no minuto 3 que finalmente se estrelou no meta tinerfeño, Chano aproveitou un pase desde banda contraria de Iago Míguez para subir o 1-0 no 5. Os mesmos protagonistas materializaron o 2-0, no 13, cun disparo do 11 burelista que tocou nun contrario antes de superar a liña de meta; antes Edu desbaratara o posible empate sacando o brazo ante Kevin. A tres minutos para o descanso, Antoñito recuperou o seu don goleador da Copa de España rematando ao segundo pau un correctísimo servizo de Behroz.


Na segunda parte, co partido sen perigo, os de Burela mantiveron a súa actitude e concentración. Con 3-0, reiniciouse a cita de novo con iniciativa do Uruguay, esta vez nos pés de Aythami, pero aí estaba de novo Edu, atento para manter a portería local impenetrable. Continuou o recital ofensivo do Pescados Rubén; intentárono Iago, Behroz, Miguel… pero foi Chano, que anotou o seu hattrick no minuto 28, con misil que deixou sen alento o gardameta visitante. Pouco despois, no 29, Iago conseguiu zafarse da defensa insular para anotar o 5-0. O enxeño de Antoñito volveu aparecer no 34 para asinar o 6-0. A resposta do Uruguay foi o xogo de cinco con Yeray á cabeza; Kevin, no 37, estreou o electrónico insular a falta de tres minutos sen opcións de máis. A peor noticia da xornada para os laranxas foi a lesión do pichichi. Matamoros tivo que retirarse da pista no minuto 11 queixándose do xeonllo esquerdo; os primeiros indicios apuntan a que poida estar afectado o menisco ou o ligamento lateral interno pero haberá que esperar ás próximas horas para coñecer o diagnóstico definitivo.


Homenaxe ao equipo infantil


Vista Alegre quixo homenaxear os protagonistas de Cidade Real. O equipo sénior, a revolución laranxa da Copa de España, saltou á pista acompañado do equipo Infantil A, representante burelista na Minicopa. As xoias da base mariñá recibiron de mans do presidente do club, Manuel Blanco, un recordo audiovisual da cita de Cidade Real.


Sorteo


O número agraciado co televisor Philips sorteado durante o descanso do encontro é o 83. O posuidor da devandita papeleta poderá recoller o premio na sede do CD Burela FS Pescados Rubén (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo, Burela, 982581815).


Ficha técnica


Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Carlitos, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Miguel, Chano, Hélder, Behroz, Ángel, Renato


CFS Uruguay Tenerife: Felipe, Aythami, Pablo, Jeanpi, Kevin, cinco inicial; tamén xogaron Adri Isaac, Cancio, Yeray, José Luis, Sergio


Goles: 1-0, minuto 5, Chano; 2-0, minuto 13, Chano; 3-0, minuto 17, Antoñito; 4-0, minuto 28, Chano; 5-0, minuto 29, Iago Míguez; 6-0, minuto 34, Antoñito; 6-1, minuto 37, Kevin


Árbitros: Gallo Suárez // Velasco Martínez (Asturias)


Tarxetas: Por Burela FS amarela a Miguel (minuto 7). Por Uruguay amarela a Yeray (minuto 6), Jeanpi (minuto 8), Adri (minuto 36)


Incidencias: Partido correspondente á 26ª xornada de Primeira División, disputado en Vista Alegre, con 800 espectadores. Minuto de silencio en memoria das vítimas no accidente aéreo de Germanwings desta semana nos Alpes.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores