Noticias
6 de xuño de 2015
Vitoria contundente en semis e a pola segunda Copa!!!
O Burela Pescados Rubén selou a súa clasificación para a final da Copa de España derrotando por 0-5 ao Cidade As Burgas nunha semifinal que as burelesas manexaron mellor que as de Ourense. O Burela Pescados Rubén medirase na gran final ante o actual campión, o Atlético Féminas Navalcarnero que remontou un 0-2 no seu encontro de semifinais ante o Universidade de Alacante. As anfitrionas lograron o pase á final cun axustado 3-2. Final: Atlético Féminas Navalcarnero - CD Burela FS Pescados Rubén. Domingo día 7, ás 12.00 horas.
Fotografía: ACFSF
A semifinal galega comezou con precaucións en ambos conxuntos que non querían conceder vantaxes ao seu rival. A intensidade defensiva protagonizou os primeiros compases sen que ambas porterías sufrisen, os disparos de media distancia foron o recurso de ambas escuadras nun duelo pechado que vaticinaba a importancia do primeiro gol. A punto estivo Peque de logralo no tramo final do primeiro periodo dando paso aos mellores minutos do Cidade que apertaron ás laranxas na recta final pero o marcador non se moveu. Empate sen goles ao descanso e na continuación as ourensás saíron con moita intensidade e tomando a iniciativa do xogo pero o Burela Pescados Rubén difuminou o perigo cunha contra perfecta guiada por Gaby e Peque que Claudia certificou para situar o 0-1, minuto 21. O tanto mariñao deixou tocada a nave do Cidade, o Burela puido aumentar a súa renda nun disparo de Peque e gozou tamén de superioridade numérica trala expulsión de Lucía Nespereira, por dobre amarela no minuto 27. As laranxas non aproveitaron esta vantaxe e por contra completaba o seu cupo de faltas pouco despois. Malia iso e a escasa rotación, o Burela Pescados Rubén mostrouse cómodo na pista ante un Cidade maniatado que non atopaba vías de perigo. O Burela gozou de ocasións para ampliar a vantaxe; Maite cunha bonita vaselina, Peque nunha acción de estratexia e Bea Mateos cun cabezazo ao longueiro pero chegouse á recta final co 0-1. E no momento da verdade, as mariñás deron un golpe de autoridade cos goles de Gaby (0-2) e Maite (0-3) que sentenciaron a semifinal. Jozi sumouse á festa co 0-4 e nos últimos segundos Gaby redondeou a brillante vitoria co 0-5 definitivo. Ficha técnica Cidade das Burgas (0): Ana López; Peke, Iria, Lucía Nespereira e Vane Sotelo (quinteto inicial). Tamén xogaron Sonia Pacios, María Arias, Candea e Peke. Burela FS Pescados Rubén (5): Jozi; Claudia, Peque, Gaby e Bea Mateos (quinteto inicial). Tamén xogaron Maite e Cris. Goles: 0-1, min. 21 Claudia;0-2, min. 36 Gaby; 0-3, min. 37 Maite; 0-4, min. 38 Jozi; 0-5, min. 40 Gaby. Pavillón: A Estación de Navalcarnero. Máis de 300 espectadores. Colexiados: Díaz Dovale e Pérez Pérez do colexio madrileño. Amonestaron con dobre cartón amarela a Lucía Nespereira e a Iria Saeta ambas no Cidade das Burgas e con amarela a Gaby no Burela FS Pescados Rubén.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores