Noticias
15 de xuño de 2015
O canteirán Hélder formaliza contrato por tres tempadas

O ata agora xuvenil Hélder Gonçalves Semedo (Cabo Verde, 1996) defenderá o CD Burela FS Pescados Rubén de Primeira División LNFS as tres próximas tempadas. O prometedor xogador, que xa defendeu a elástica laranxa na máxima categoría en 2014-15 con minutos de responsabilidade, estivo apoiado polo presidente, Manuel Blanco, e o secretario técnico, Juanma Marrube, na formalización do contrato.



“Estou moi feliz, medrei neste club e o meu desexo é seguir aquí moitos anos máis”, expresou Hélder, recoñecéndose afortunado pola confianza do club, que xa lle brindou a oportunidade de internarse na dinámica sénior a comezos da campaña pasada. “O Burela FS deume a oportunidade de adestrar co equipo; eu sabía que era moi difícil entrar nalgunha convocatoria, pero as circunstancias, coas lesións, adiantaron a miña estrea e souben responder. Foi un ano de moita aprendizaxe; fun de menos a máis e espero seguir aprendendo e medrando a próxima tempada” prometía o 30 burelista, consciente das novas esixencias no banco, coa chegada de Daniel Ibañes: “Vou dalo todo, adestrando día a día, e demostrarei que pode confiar en min” asegurou o peche mariñán.



Manuel Blanco e Juanma Marrube destacaron a “condición física, a versatilidade e o manexo de balón” de Hélder. “É un xogador da casa, formado na ED Burela FS, con moitas posibilidades. Equilibrando talento e actitude, espéralle un futuro moi prometedor por diante”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores