Noticias
6 de xullo de 2015
Edu volverá asegurar a portería burelista

O Burela FS Pescados Rubén volverá apostar polo sólido Edu para asegurar a portería laranxa en 2015-16. O meta naronés asinou a renovación para a próxima campaña nas instalacións de Pinturas Xurxo, xunto ao xerente da empresa, Xurxo Rodríguez, e o presidente do club mariñán, Manuel Blanco.


Edu mostrou a súa alegría por cumprir a súa oitava tempada co equipo, a cuarta consecutiva tras o seu paso por Oxipharma Granada, e seguir gozando de Primeira en Vista Alegre. “Cada vez que saio á pista intento axudar o máximo ao equipo e espero que a próxima tempada o meu traballo contribúa a que volvamos vivir unha tempada tan bonita, ou máis, que a pasada e que nos respecten as lesións” recoñecía o porteiro galego, moi ilusionado coa aposta burelista: “Despois da gran primeira volta, a estrea da Copa de España, e malia as lesións, realizamos unha gran tempada. Confío en que o bloque se adapte o máis rápido posible á filosofía de Daniel e animo á afección a vir ao pavillón porque a súa axuda é moi importante”, adiantaba o 1 laranxa, unha das grandes referencias da bancada da bomboneira.


Desde o club, Manuel Blanco aplaudiu a continuidade de Edu, poñendo broche ás renovacións de Iago Míguez, Antoñito, Carlitos, Chano, Isi, Jorge e o ata agora xuvenil Hélder, xunto a Matamoros, con contrato en vigor. “Coa veteranía e estabilidade de Edu péchase o apartado de renovacións para a próxima tempada, mantendo un bloque que realizou unha gran campaña e que seguirá pelexando por máis con traballo, ilusión e esforzo, coa chegada dalgún reforzo”, explicou o presidente burelista.


 


 


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores