Noticias
20 de agosto de 2015
Poio resístese

Posesión de balón, ocasións e férrea defensa ofreceron onte as laranxas na pista da Seca, pero o Poio FSF resistiuse nun partido moi rifado a pesar do 5-1 en contra para o Burela FS Pescados Rubén. A primeira avaliación do cadro de Iván Cao, Lucas, caeu do lado das pontevedresas, que ampliaron as distancias tras superar o ecuador da segunda parte, xunto a dous dobres penaltis a falta de 45 segundos para o final.


 “En todo partido de pretempada o de menos é o resultado; temos que centrarnos no traballo de cara ao noso primeiro partido de importante, a Supercopa, o 6 de setembro. Foi un encontro bastante igualado, no que cometemos os erros típicos desta época de preparación, con cansazo acumulado, con xogadoras que se están aclimatando e coa introdución de  ideas novas” reflexionaba Lucas tras a cita, destacando a súa satisfacción coa boa progresión do seu equipo nestas dúas semanas e media de adestramentos. “Manter o bloque da tempada pasada facilita moito o traballo de inicio e a adaptación das novas incorporacións para chegar en óptimas condicións ao comezo de liga”.
Abriu o marcador Elena para as locais roldando o minuto 8, pero a punto de rematar a primeira parte Maite igualou a contenda. Fixéronse esperar os goles tras o descanso, pero o Poio puido poñer terra por medio con 2-1 e 3-1 nos minutos 32 e 35, unha fenda que completou na recta final con dobres penaltis ata o 5-1.
Lucas, que formalizou a súa continuidade en Burela xunto a presidente, Manuel Blanco, e o directivo José Ángel Dovale, dispuxo de todas as súas xogadoras sobre a pista, a excepción de Emma, que se mancou no nocello durante o quentamento. Baixo os paus alternaron responsabilidades Andrea e Eva.


Ourense


As mariñás continuarán coa preparación sobre a pista na cidade das Burgas como próxima parada. Será este sábado, ás 17.00 horas, fronte ao Ourense Envialia (Os Remedios).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores