Noticias
21 de agosto de 2015
Claudia: 'O Burela FS é a miña casa, o club que me deu todo'

“O Burela FS é o meu club, é a miña casa, o equipo que me deu todo” recoñecía a ala-pivote Claudia Rodríguez Teijeiro, inmersa xa na preparación para a que se converterá na súa sétima tempada na súa terra. O presidente, Manuel Blanco, e a directiva Alba Vila arrouparon a xogadora focega na súa renovación oficial, aplaudindo a súa continuidade. “É unha xogadora da casa, unha garantía para o bloque, con compromiso e gran pase entre as súas virtudes” coincidiron en sinalar os dirixentes laranxas.


A cidade das Burgas recibirá mañá o Burela FS Pescados Rubén no segundo amigable de pretempada, fronte ao Ourense Envialia (Os Remedios, 17.00 horas): “Imos con moitas ganas de facelo ben, sobre todo de emendar os erros cometidos en Poio e a partir de aí aprender e seguir medrando”, adiantaba a ala-pivote mariñá, que xa ten marcado no calendario con letras vermellas, coma o resto das súas compañeiras, o 6 de setembro: “O primeiro obxectivo é a Supercopa. O grupo está traballando ben e funcionando, con adestramentos intensos e imos coñecéndonos pouco a pouco”.


As sensacións son inmellorables. “Temos un cadro para pelexar por todo. Partimos dun bo bloque, no que cubrimos a carencia de tiro do ano pasado” analizaba Claudia, destacando o bo inicio de pretempada nun vestiario que xa coñece ben: “Algo que temos a favor é que xa coñecemos como traballa o corpo técnico; partimos de cero coma todos os anos, pero este equipo a nivel de xogo xa se coñece; podemos chegar a facer grandes cousas esta tempada” puntualizaba con ilusión a 5 burelista, con afán de superación: “Quero contribuír co equipo o máximo que poida e dar un plus máis que a tempada pasada. Quero conseguilo todo, son a que falta por conseguilo”, facía así referencia Claudia ao ano do histórico dobrete do Burela, tempada na que a xogadora estivo no Valladolid FSF.


A Fonsagrada


Para os xogadores de Daniel Ibañes mañá tamén será o segundo amigable preparatorio, medíndose ao Noia FS na Fonsagrada (18.30 horas).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores