Noticias
24 de agosto de 2015
O Burela FS, anfitrión do I Torneo ...E para Comer, Lugo (28-29 de agosto)

O CD Burela FS Pescados Rubén será o anfitrión do I Torneo de Fútbol Sala ...E para Comer, Lugo, o venres 28 e sábado 29 de agosto. Así o deron a coñecer esta mañá, na súa presentación, o presidente e o vicepresidente laranxas, Manuel Blanco e José Luis Sáez, na sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo na cidade amurallada, acompañados polo responsable da Área de Deportes da Deputación de Lugo, José Manuel Yanes, e o presidente da Apehl, Cheché Real, entre outros representantes da asociación hostaleira.


A bomboneira reunirá un luxoso cartel na rectal final de preparación do equipo de Daniel Ibañes para comezar nas mellores condicións a cuarta tempada laranxa na máxima categoría. “É un torneo de pretempada de máximo nivel, no que a afección poderá gozar do espectáculo de Primeira División antes de que comece a liga”, coincidían en resaltar Manuel Blanco e José Luis Sáez.  Xunto ao cadro de Daniel Ibañes daranse cita dous rivais de Primeira División, Palma Futsal e Santiago Futsal, ademais do Cidade de Narón, de Segunda.


O primeiro prato enfrontará o Palma Futsal e o Santiago Futsal, o venres ás 18:00 horas. Ás 20:15 horas loitarán por un posto na final o CD Burela FS Pescados Rubén e o Cidade de Narón. O sábado volverá levantarse o pano ás 18:00 horas para dirimir forzas entre o terceiro e o cuarto clasificados; a gran cita polo título arrancará ás 20:15. Haberá entrada única para todo o torneo ao prezo 5 € para adultos e de 1 € para os menores de idade.


Con esta iniciativa a Apehl e o CD Burela FS Pescados Rubén unen os seus camiños no que os dous dirixentes, Cheché Real e Manuel Blanco, esperan que sexa “o primeiro paso dunha frutífera colaboración entre ambas as entidades para o apoio mutuo nos obxectivos de promoción de dúas das riquezas da provincia, a gastronomía e o fútbol sala”. 


Burela FS Pescados Rubén 6-1 Noia Fútbol Sala


O cadro mariñán impúxose ao Noia Fútbol Sala o sábado na Fonsagrada por un claro 6-1. Daniel Ibañes volveu contar con todos os xogadores que están realizando a pretempada nunha cita que se resolveu con contundencia na segunda parte. Chino abriu o marcador no minuto 5, aínda que os coruñeses non baixaron os brazos e igualaron a contenda no 16, de Christian. Tras o descanso, o Burela FS Pescados Rubén non deu tregua na finalización con repartición goleadora de Hélder (minuto 24), Isi (27), Renato (32), Iago Míguez (34) e Chano (39).


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores