Noticias
2 de outubro de 2015
Iago Míguez: 'Imos con todas para conseguir os tres primeiros puntos'

Vista Alegre volve recibir a Primeira LNFS este sábado (18.30 horas) coa visita do novel Elche CF V. Alberola na quinta xornada, un compromiso marcado no calendario laranxa para recoller a primeira vitoria. “Imos con todas para sacar os tres puntos; é un partido moi importante, a vitoria é fundamental para coller confianza e seguir traballando” adiantaba un dos capitáns burelistas, Iago Míguez.


“Aos poucos, o equipo vai adquirindo os hábitos requiridos por Daniel. Tivemos un calendario complicado, con dúas saídas fronte a rivais fortes, que seguro que estarán arriba. Este sábado será o partido dos tres puntos” puntualizaba o 5 do CD Burela FS Pescados Rubén, recoñecendo unha evolución individual paralela ao equipo no inicio da tempada, con humildade e solidariedade: “Só penso en axudar ao equipo, se é con goles coma o ano pasado mellor; intentarei aproveitar ao máximo os minutos que me conceda Daniel” explicaba o ala, que compartiu o título de pichichi laranxa en 2014-15 con Matamoros.


A escuadra mariñá viviu unha semana rara, coa suspensión do partido de Copa do Rei na pista do Parrulo por un corte de luz. “Non puidemos xogar pero tamén nos serviu para descansar para o sábado; xogaron todos os equipos, entre eles o Elche, así que partimos con certa vantaxe física” explicaba Iago, facendo referencia á derrota dos levantinos na prórroga fronte ao Valdepeñas (3-2). A cita entre ferroláns e burelistas disputarase o vindeiro martes, 6 de outubro (20.45 horas, A Malata); no caso de saír vitoriosos os laranxas mediranse ao Ribera Navarra en Tudela en oitavos (13-14 de outubro).


“É un equipo novo na categoría que xa conseguiu os seus tres primeiros puntos, con xogadores con experiencia pero tamén con xogadores novos que queren darse a coñecer” facía así referencia Iago ao Elche, que debutou en liga con vitoria fronte a Antequera (4-0), aínda que nas dúas últimas xornadas non tivo tanta fortuna (Ribeira Navarra 4-2, Palma Futsal 3-6).


No vestiario de Daniel Ibañes regresa Carlitos, que terá que saltar á pista cunha protección no rostro tras a fractura de tabique nasal que o mantivo afastado estas últimas semanas. Repite na convocatoria o xuvenil Renato.


Convocatoria CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 20. Chino, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores