Noticias
4 de outubro de 2015
As pupilas de Lucas regresan cos tres puntos
Os tres puntos tampouco se lles resisten ás pupilas de Lucas a domicilio, que se impuxeron no seu primeiro desprazamento da liga ao Ciudad de Alcorcón (2-3) nun encontro no que levaron a iniciativa no electrónico e que decidiu a capitá, Maite, no último minuto.

Claudia xa adiantaba as mariñás no minuto 2, ao aproveitar un balón de Gaby desde a banda que repeleu o pau local. As de Alcorcón igualaron a contenda na súa primeira ocasión clara, combinación entre Pitu e Desi nunha recuperación. Cumpríase o minuto 7 de xogo e regresaba o equilibrio ao marcador, pero Gaby devolveulles a vantaxe ás galegas no 13, materializando ao segundo pau un saque de esquina de Maite, que xa inquedara as filas locais nunha contra fulgurante pola banda na xogada anterior.

Con 1-2 os goles resistíronse na segunda parte, pero as madrileñas conseguiron o empate de novo nunha recuperación preto da portería de Jozi, que culminou Aída. A escuadra de Lucas dispuxo de oportunidades para volver poñerse por diante, pero non foi ata o último minuto no que apareceu Maite, asistida por Ceci nunha contra iniciada por Gaby. O Alcorcón apostou por xogo de cinco con tempo para un disparo con barreira por falta de Shio no último segundo, que conseguiu bloquear a defensa burelista sen complicacións.



Ficha técnica
Ciudad de Alcorcón: Miri, Desirée, Natalia, Ro e Anita Luján (cinco inicial). Tamén xogaron Cris Llanos, Orive, Aída, Pitu, Belén e Vadillos.
CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Gaby, Maite, Ceci e Claudia (quinteto inicial). Tamén xogaron Bea Mateos e Shiori.
Goles: 0-1, minuto 2, Claudia; 1-1, minuto 7, Desirée; 1-2, minuto 13, Gaby; 2-2, minuto 31, Aída; 2-3, minuto 39, Maite
Árbitros: Álvaro Alonso e Javier Montero do colexio madrileño. Amoestaron con cartolina amarela a Ceci e Shiori no Burela FS
Incidencias: Partido correspondente á terceira xornada de Primeira División RFEF, disputado en Los Cantos.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores