Noticias
16 de outubro de 2015
Os laranxas encoméndanse a Vista Alegre para recuperar boas sensacións

O CD Burela FS Pescados Rubén encomendarase a Vista Alegre para recuperar as boas sensacións e os bos resultados na sexta xornada de Primeira LNFS mañá, coa visita do Jumilla B. Cacherlo (18.30 horas). “É un partido moi importante; atoparemos  un rival pelexador pero a nosa obriga na casa é gañar” dicía con contundencia unha das caras novas desta tempada, Iago Rodríguez, que xa se atopa como peixe na auga na Mariña.


O ex do Prone Lugo estreou a súa cuadrícula goleadora o sábado pasado por partida dobre en Zaragoza e tamén atopou o punto feble do Ribera en Copa o martes. “Ao principio custoume entrar na dinámica do equipo, pero agora xa me atopo mellor, ademais de ter acerto de cara ao gol, aínda que nestas dúas citas non nos acompañaran os resultados” falaba así Iago dos seus primeiros meses de laranxa.


O Pescados Rubén volve ao seu mausoleo despois de dous desprazamentos de Copa do Rei e un de liga en 7 días, con máis de 3000 quilómetros percorridos. A cita de Copa na pista do Ribera Navarra deixou pegada no vestiario laranxa; para mañá será baixa Isi, por rotura de fibras; tampouco está asegurada a participación de Chino, con molestias no xeonllo dereito. Entrará na convocatoria Rubén Fernández, do Burela FS B. Pola súa banda, o Jumilla chega a terras luguesas con 3 puntos, recollidos na terceira xornada con 5-4 ante o UMA Antequera.


“Foi unha semana de moitas viaxes, volvemos con xente tocada e tivemos que adaptar os adestramentos a iso, pero mañá estaremos preparados para ir polos tres puntos” aseguraba Iago Rodríguez, apelando á solidez e ao apoio do pavillón laranxa.


O 9 burelista tamén falou dunha das materias coas que non acaban de despegar os da Mariña, pero que están encamiñando na boa dirección. “Temos xente capacitada para marcar goles e estamos xerando ocasións; non debemos preocuparnos nin ver un problema onde non o hai porque o balón acabará entrando” aseguraba Iago, que tamén puntualizou no lastre burelista en Zaragoza e Tudela. “Nos dous últimos partidos pecamos un pouco de falta de intensidade defensiva pero iso corrixirémolo xa dende mañá, máis na casa, que sairemos con motivación extra; é un factor clave para gañar” concluía o lugués.


Convocatoria CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 23. Antoñito, 27. Renato, 29. Rubén, 30. Hélder
Convocatoria Jumilla B. Carhelo: 1. Fede, 13. Denis,  20. Rubén Orzáez, 8. Simón, 12. Terry, 10. Negro, 9. Javaloy, 5. Juandi, 11. Cristian Rubio y 14. Andresito Macías



Accesos en Vista Alegre. A partir deste sábado Vista Alegre habilitará dous accesos ao pavillón para as citas de Primeira División LNFS. Os afeccionados laranxas poderán entrar indistintamente polas portas 1 e 4, controladas mediante tornos, cumprindo así coa Lei do Deporte no que se refire ao acceso a instalacións onde se celebren espectáculos deportivos. Recórdase a todos os afeccionados que tanto a venda de entradas en taquilla como os accesos a Vista Alegre están abertos desde unha hora antes dos encontros.



Terceira División. O enfrontamento entre o CD Burela FS B e o Ribeira FS abrirá a tarde de fútbol sala na Bomboneira, a partir das 16.00 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores