Noticias
17 de outubro de 2015
O Burela FS perde dous puntos nos tres últimos minutos
Vista Alegre viviu unha tarde de goles con sabor amargo para o Burela FS Pescados Rubén, que viu escapar unha vantaxe de 6-3 nos últimos tres minutos ante o Jumilla B. Carchelo.

Chino abriu o baile de goles na bomboneira sen contemplacións tras contra iniciada por Iago Rodríguez. Faltaba un segundo para cumprirse o minuto 5 de xogo; antes Iago Míguez, cun balón que se paseou por diante da liña de meta, e Chano, picando ante Fede, xa deran o toque de atención. Dominaban os de Daniel Ibañes, pero Rubén Orzáez equilibrou o marcador pouco despois, no minuto 6, tras pugna con Edu ao bordo da área. Con todo, os laranxas volveron adiantarse nos seguintes compases cun lanzamento que volveu culminar Chino a pase de Iago desde a banda. Vista Alegre recuperou a igualada para os levantinos no 9, cun disparo de Cristian Rubio desde a banda que deixou no chan a Edu. Rozando o ecuador do primeiro acto, Iago Míguez tivo nas súas zapatillas tres balóns de ouro; quedouse cravado diante de Fede nun pase de Chano primeiro, non puido materializar tras rexeite de Antoñito máis tarde e tentou a rede de Jumilla cun mísil que despexou o corpo do meta rival en última instancia. O merecido tanto asinouno Iago Rodríguez, no minuto 12, aproveitando un rexeite en xogada de estratexia, aínda que de novo o Jumilla volveu recuperarse, con Juandi a pase longo de Orzáez. Jorge perdoou dúas claras ocasións, no minuto 17 cun disparo que se estrelou contra o pau, e no 18, a porta baleira, con Cristian liderando a aposta de cinco dos levantinos. Nos últimos segundos os da casa tamén saíron con porteiro-xogador.

Tras o descanso, os de Burela encamiñaron de novo o partido para levar os tres puntos. Resistiuse o esférico no minuto 24 ante Antoñito, salvando Simón na liña de meta, pero Chano non tatexou no 27 materializando o 4-3 de penalti por man de A. Macías. Chegaban con claridade os burelistas á área do Carchelo, sen fortuna na finalización, ata que Iago Míguez ampliou a fenda (minuto 31) en galopada con Iago Rodríguez, asistido por Chino; antes Edu salvara o empate. A falta de seis minutos para o final, o Jumilla optou por xogo de cinco e aí chegou o 6-3 de Hélder, que aproveitou o rexeite do pau tras tentativa de Edu a porta baleira. Todo presaxiaba a recuperación da boa senda, pero o rival seguiu apostando polo porteiro-xogador e así puido achegarse máis con goles de Simón e Terry nos minutos 37 e 38. O definitivo 6-6 subiu a falta de 38 segundos para a bucina, con Chino defendendo baixo os paus. Aínda intentou reaccionar o Burela FS con Iago Rodríguez de cinco, sen éxito.



Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Chano, Jorge, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Iago Rodríguez, Chino, Hélder, Renato, Rubén
Jumilla B. Carchelo: Fede, Juandi, Simón, Javaloy, Terry, cinco inicial; tamén xogaron Rubén Orzáez, Cristian Rubio, Negro, A. Macías
Goles: 1-0, minuto 4, Chino; 1-1, minuto 6, Rubén Orzáez; 2-1, minuto 6, Chino; 2-2, minuto 9, Cristian Rubio; 3-2, minuto 12, Iago Rodríguez; 3-3, minuto 13, Juandi; 4-3, minuto 27, Chano (penalti); 5-3, minuto 31, Iago Míguez; 6-3, minuto 34, Hélder; 6-4, minuto 37, Simón; 6-5, minuto 38, Terry; 6-6, minuto 39, Rubén Orzáez
Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro (Casela e León). Por Burela amarela a Jorge (minuto 4), Chano (minuto 16), Iago Rodríguez (minuto 18), Renato (minuto 26). Por Jumilla amarela a Terry (minuto 6), Negro (minuto 11)

Incidencias: Partido correspondente á sexta xornada de la Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre, con arredor de 800 afeccionados.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores