Noticias
30 de outubro de 2015
A seguir sumando: CD Burela FS-Orvina (sábado 31, 16.00 horas)

O CD Burela FS Pescados recibirá este sábado ao CD Orvina ás 16.00 horas, abrindo a Tarde Laranxa en Vista Alegre e como antesala do Burela FS-Jaén Paraíso Interior de LNFS. O de mañá será o último partido (en directo por streaming) en Vista Alegre de Primeira RFEF ata o mes de decembro, debido ao Campionato Mundial de Fútbol Sala de Guatemala (21-29 de novembro).


Precisamente da preparación con España, regresou onte Peque con dúas vitorias ante Hungría (6-0 e 8-1) e hattrick da burelista na última. “Coma sempre, foi unha experiencia boísima, con moita esixencia. Volvo con moi boas sensacións despois do segundo partido, no que melloramos bastante, e contenta por ir afinando puntería” relataba a xogadora.


A ala-pivote xa se reincorporou pola tarde aos adestramentos laranxas. “Botaba de menos as miñas compañeiras; estamos nunha excelente dinámica e tiña ganas de volver”. A 7 burelista confía en dar continuidade mañá á boa senda, aínda que tamén recoñece a dificultade do rival para as da Mariña. O Orvina chega a Burela logo de conseguir a súa primeira vitoria, fronte a Majadahonda (4-3), a semana pasada; ata entón só puntuara con empates ante Rioja (2-2) e Elche (0-0) nas dúas primeiras xornadas. “Hai que seguir sumando, pero temos que ter moito coidado con Orvina. O seu xogo atragóasenos un pouco; fóra gañáronnos os dous últimos anos e no último partido en Vista Alegre gañamos na recta final. Ademais melloraron o seu xogo de catro e creceron coa chegada de Anna Riera e Miriam” explicaba Peque.


“A nosa meta debe ser gañar todos os partidos e así a ver se podemos conseguir algo bonito ao final de tempada. Estamos nun momento en que podes perder en calquera pista; hai equipos que se reforzaron moito que aínda teñen moito que dicir nesta liga” falaba así Peque fuxindo da rivalidade con Navalcarnero na pugna polo liderado e ilusionada polo traxecto que lle queda por percorrer ao Burela FS, co apoio da afección: “Nótase que a xente está gozando máis este ano; iso nós notámolo desde a pista e dános forza” concluía a internacional


Convocatoria CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Ceci, 13. Andrea C., 17. Maite, 18. Shiori, 31. Eva


Convocatoria CD Orvina: 1. Irati, 4. Aroia, 5. Anna Riera, 6. Miriam Arana, 7. Irune, 8. Patricia, 9. Lucía, 10. Susana, 11. Maialen, 13. Rebeca, 15. Yarima, 17. Adela

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores