Noticias
31 de outubro de 2015
Burela FS 3-3 Jaén
Tras a goleada mariñá en Primeira RFEF ante o CD Orvina (7-0), a Tarde Laranxa pechouse en Vista Alegre con empate (3-3) dos de Daniel Ibañes na visita do campión da Copa de España. O Burela FS Pescados Rubén levou a batuta sobre o electrónico ante Jaén Paraíso Interior nun partido moi intenso e aberto, por momentos con certa tolemia sobre a pista.

O primeiro en avisar foi Chino, antes de cumprirse o segundo minuto de xogo, pero enseguida respondeu, aínda que sen acerto, Buendía, de disparo cruzado no 3, e máis tarde, no 8, Boyis ao pau tras unha perda local. Recuperou sensacións e incrementou o seu perigo o conxunto galego nunha galopada en contragolpe de Iago Rodríguez e con Chino, apoiado en Jorge Bellvert. Dúas advertencias ás que Iago Míguez soubo poñerlles o broche final, cun disparo baixo desde a frontal, e así adiantarse co 1-0 no minuto 13. Edu mantívose impasible ante a afronta dos xienenses salvagardando o marcador ata o descanso, cunha vantaxe que puido ampliar o minuto 15 Hélder de cabeza, como unha das oportunidades máis claras para os burelistas.

O segundo tempo non puido empezar peor para os da Mariña, que viron desaparecer a súa renda aos 14 segundos cun roubo de Carlos Muñoz que completou Eloy Rojas. Nos seguintes compases, Chino salvou de cabeza baixo os paus o segundo dos andaluces. Foi precisamente o ex do Jaén o encargado de anotar o 2-1, a pase de Hélder tras contragolpe de Chano (minuto 24). Pouco despois impediu a igualada Hélder de novo baixo rede. Nas idas e vindas, que gañaron intensidade co paso dos minutos, ambas as escuadras repartíronse ocasións claras; primeiro Antoñito, no 27, nun un contra un con Dani Cabezón, e máis tarde Ossorio, cumpríndose o ecuador do tramo, con chegada tardía de Dani Martín ao remate. Tras ampliar distancias Iago Rodríguez (3-1), en roubo de Chano, no minuto 31, Cuco abandeirou o ataque de cinco, con recompensa case inmediata, de Solano nun rexeite. Edu estivo sublime ante o mísil de Eloy Rojas no 32. De novo tivo a oportunidade o Burela FS de ampliar a fenda e non a aproveitou, con dobre tentativa de Chano no 34, e foi entón cando chegou o empate con Ossorio nun balón raso que sentou a Edu (minuto 35). Os da Mariña tiveron que sufrir en defensa coa nova aposta de porteiro xogador xienense no último minuto, cunha ocasión de Dani Martín que evitou o pau no último suspiro.

Hélder viuse obrigado a retirarse a falta duns oito minutos para o final; as primeiras exploracións indican que o xogador sofre unha escordadrura de nocello.


Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Chano, Jorge, Chino, cinco inicial; tamén xogaron Iago Rodríguez, Antoñito, Hélder, Carlitos
Jaén Paraíso Interior: Dani Cabezón, Emilio Buendia, Carlinhos, Eloy Rojas, Cuco, cinco inicial; tamén xogaron Jordi Campoy, Boyis, Solano, Ossorio, Carlos Muñoz
Goles: 1-0, minuto 13, Iago Míguez; 1-1, minuto 21, Eloy Rojas; 2-1, minuto 24, Chino, 3-1, minuto 31, Iago Rodríguez; 3-2, minuto 31, Solano; 3-3, minuto 35, Ossorio
Árbitros: Redondo Arenales // Viedma Martín (Castela e León). Por Burela amare1la a Antoñito (minuto 15 e 38), Jorge. Por Jaén amarela a Eloy (minuto 22), Carlos Muñoz (minuto 23), Carlinhos (minuto 25), Dani Cabezón (minuto 29), Dani Martín (minuto 38)
Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre, con arredor de 800 afeccionados.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores