Noticias
19 de decembro de 2015
O Burela finaliza o seu maratón semanal con um empate na pista do Jimbee Roldán
O Burela Pescados Rubén non puido completar o seu maratón semanal con pleno de vitorias tras colleitar un empate a tres goles na pista do Jimbee Roldán FSF. A escuadra murciana optou por un ritmo alto desde o inicio para intentar aproveitar a escasa rotación laranxa e logrou sorprender nos primeiros compases co gol de Marta Peñalver, minuto 4. O 1-0 outorgou máis confianza ás murcianas que levaron a iniciativa ante un Burela que lle custaba coller o ritmo. Tralo ecuador do primeiro periodo as burelás comezaron a espertar e equilibraron o control do partido. As mariñás amosáronse máis incisivas en ataque pero Espe desbaratou as mellores ocasións visitantes e Terrés non perdoou unha asistencia de Maite Mateo para situar o 2-0, minuto 18. A escasos segundos para o descanso o Burela Pescados Rubén recortou distancias por mediación de Ceci. Co 2-1 chegouse ao intermedio e na continuación as galegas saltaron á pista con maior mordente e acurralaron ao Jimbee Roldán. As oportunidades laranxas topábanse coa boa actuación de Espe que mantivo ao seu equipo ata que un disparo de Gaby tocou en Anita e o balón coouse na portería murciana (2-2), minuto 24. O Burela pasaba polo seu mellor momento do partido e a remontada fíxose real tras un gol de Maite nunha estratexia. A capitá burelesa marcou o 2-3 cunha preciosa volea tras un saque de esquina. Con este marcador chegouse ao tramo final e o Jimbee Roldán apostou polo xogo de cinco e aínda que en principio non inquietaba demasiado aproveitou un balón para empatar (3-3) por mediación de Consuelo. Aínda houbo tempo para un intercambio de ocasións sen acerto e o partido finalizou con reparto de puntos. Ficha técnica Jimbee Roldán FSF: Espe, Marta Peñalver, Terrés, Inma, Maite Mateo -cinco inicial- Anita, Consuelo, Miriam, Cris. CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Bea Mateos, Gaby, Maite -cinco inicial- Ceci, Lara. Goles: 1-0, m.4, Marta Peñalver; 2-0, m.18, Terrés; 2-1, m.20, Ceci; 2-2, m.24, Gaby; 2-3, m.31, Maite; 3-3, m.37, Consuelo. Árbitros: Buendía Izquierdo, Martínez Flores. Colegio murciano. Cartón amarelo a Ceci do Burela Pescados Rubén. Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Primeira División RFEF, disputado no pavillón Gabriel Pérez de Roldán.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores