Noticias
29 de marzo de 2016
A XUNTA PROMOCIONARÁ O LEITE DE CALIDADE GALEGA 100% NO PARTIDO QUE ENFRONTARÁ Ó BURELA FS PESCADOS RUBÉN E O MOVISTAR INTER
 A acción enmárcase dentro da campaña de apoio ao sector leiteiro galego que está a desenvolver a Xunta de Galicia e permitirá ao público asistente ao encontro do vindeiro sábado degustar este leite de calidade a través do reparto gratuíto de minibricks  A delegada da Xunta ultimou os detalles da iniciativa co presidente do club deportivo durante un encontro mantido esta tarde en Burela
Lugo, 29 de marzo de 2016.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, mantivo hoxe un encontro con Manuel Blanco Fanego, presidente do Burela FS Pescados Rubén, para ultimar os detalles do acto promocional do leite de marca Galega 100% que está previsto desenvolver o vindeiro sábado, ás 18:15 horas en Vista Alegre, coincidindo co partido que enfrontará ó equipo burelés e Movistar Inter. Esta acción promocional enmárcase dentro da campaña de apoio ao sector leiteiro que está a levar a cabo a Xunta de Galicia e que permitirá ao público asistente ao encontro degustar este leite de calidade a través do reparto gratuíto de minibricks. Así mesmo, a promoción do leite galego permanecerá en vallas publicitarias no pavillón durante toda a tempada. O distintivo de calidade que a Consellería de Medio Rural está a potenciar con este tipo de actos identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. Unha materia prima que procede exclusivamente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria e que están inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada. Neste senso Raquel Arias salientou que este selo representa “unha garantía para os consumidores”, xa que ao comprar leite etiquetado con Galega 100% “saben que están a consumir un produto de primeira calidade que ten como orixe a nosa Comunidade”. E, ao mesmo tempo, “contribúe á mellora do nivel de vida dos nosos gandeiros e, en consecuencia, en beneficio do conxunto do sector lácteo galego”. A delegada da Xunta agradeceu a colaboración e implicación do equipo burelés, en especial a do seu presidente Manuel Blanco, no desenvolvemento desta iniciativa que, segundo dixo, “tamén contribúe á concienciación da sociedade sobre a calidade que ten o leite producido en Galicia e os beneficios ligados ao seu consumo”. Nota de prensa: Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores