Noticias
1 de abril de 2016
O mellor entre os mellores recala en Vista Alegre (TVG2, 18.15 horas)

Vista Alegre xa está preparado para recibir mañá ao mellor entres os mellores de Primeira LNFS. O recente campión da Copa de España e actual líder ligueiro, Movistar Inter, visitará pista da bomboneira a partir das 18.15, coa emisión en directo da TVG2. “Vista Alegre ten que estar ata a bandeira; será un partido moi bonito para a afección. Ese ambiente, o apoio e os ánimos do público axudarannos moito para querer superarnos aínda máis” explicaba o cocapitán do CD Burela FS Pescados Rubén Edu, un dos grandes referentes dos seareiros mariñáns.


“Estamos nunha boa liña, xogando ben e defendendo ben. Se nos mantemos así podemos dar incluso a sorpresa. A pesar das baixas, podemos facelo ante a nosa afección, porque sairemos cunha motivación extra” adiantaba con optimismo o naronés, moi consciente da complexidade do reto. “Sabemos que é o mellor equipo do mundo; o noso obxectivo é estar no partido ata o final, se chegamos aos últimos minutos con vida podemos conseguilo. En Guadalajara xa demostramos que podemos plantarlles cara” facía así referencia o meta ao último enfrontamento, na Copa de España a mediados de marzo, con vitoria nas semifinais para os verdes por 3-6.


Mañá, o técnico burelista non poderá estar á fronte do banco en Vista Alegre; Daniel Ibañes foi sancionado con 2 partidos de suspensión tras a expulsión da semana pasada en Santiago. Xunto á ausencia de Mata, o vestiario laranxa tampouco poderá contar con Isi, por molestias no xeonllo dereito, nin con Chano, con 1 partido de sanción pola vermella en Compostela.


Acceso a Vista Alegre


Vista Alegre abrirá mañá portas e taquilla ás 17.00 horas. O club burelista puxo á venda un total de 1.200 localidades para presenciar o espectáculo. As entradas de socios poderán adquirirse ata as 18.00 horas; a partir desa hora poderán liberarse no caso de que se necesiten.


Os socios accederán ás instalacións pola Porta 1 e os non socios pola Porta 4.


100% Galega


Coincidindo coa cita de luxo, a Bomboneira unirase á campaña de promoción de leite 100% Galega co apoio ao sector leiteiro que está a levar a cabo a Xunta de Galicia e que permitirá ao público asistente ao encontro degustar este leite de calidade a través da repartición gratuíta de minibricks.


Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 9. Iago Rodríguez, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge, 20. Chino, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores