Noticias
3 de xuño de 2016
Unha xesta repetible

O CD Burela FS Pescados Rubén está a tan só un paso de repetir unha das súas grandes xestas. Mañá, ás 18.00 horas, en Logroño arrincarán os 40 minutos que afastan a actual campioa da Supercopa de España do que pode converterse no seu segundo título de liga de Primeira División. As heroínas mariñás mediranse ao Rioja FSF (pavillón Gonzalo de Berceo), conxunto que materializou a súa permanencia en Primeira a semana pasada. O club laranxa emitirá en directo a gran cita coa colaboración de Pasion Media. PREME AQUÍ


“A semana transcorreu con normalidade absoluta, continuamos coas rutinas que tan bos resultados nos están dando, aínda que loxicamente con menos carga” explicaba o técnico burelista, Iván Cao ‘Lucas’, en vésperas do partido máis transcendental da súa traxectoria, sendo moi prudente co desenlace dos feitos: “É un rival que conseguiu o seu obxectivo na xornada pasada, a salvación, pero iso non nos debe dar confianza. É un equipo ben traballado defensivamente, moi forte en media pista, e na primeira volta xa se nos resistiu” puntualizaba o adestrador facendo referencia ao rifado 3-2 de Vista Alegre. “Todo o vestiario está con moitísimas ganas de xogar; está desexando que chegue o partido, pero tamén tratamos de fuxir do nerviosismo excesivo. Só está na nosa man; debemos ter paciencia para abrir o marcador, como o sábado pasado, non caer na ansiedade e a partir de aí todo será máis doado” explicaba Lucas.


O Burela FS Pescados Rubén poñerá rumbo cara ao seu destino soñado este mediodía, ás 14.00 horas, concienciado de sumar a 18ª vitoria consecutiva da tempada sen depender de terceiros, aínda que a realidade apunta a que ao conxunto mariñán lle chega con cubrir expediente co mesmo resultado que o  Atlético de Madrid Navalcarnero. Cun punto por debaixo das burelistas, as madrileñas recibirán á mesma hora o Ourense Envialia, que intentará defender o seu billete para a Copa de España de Alcorcón (11-12 de xuño) dende a cuarta praza, con 2 puntos por riba do UA Alicante; as levantinas visitarán o Móstoles, décimo.


Enfermería. Xunto ás baixas de Shiori, Emm e Lara, mañá será dúbida sobre a pista Ceci, que non puido xogar o sábado fronte ao Valdetires Ferrol ao sufrir unha escordadura de nocello durante o quentamento. Chega entre algodóns ademais Bea Mateos, que non adestrou esta mañá por molestias nun pé.


CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 25. Silvia Rubal, 31. Eva


Peque, Mellor Xogadora. A 7 burelista acaba de ser elixida Mellor Xogadora da Liga pola Asociación Nacional de Adestradores de Fútbol Sala. Peque comparte honor no cadro de premiados con lendas deste deporte como José Lucas Mena, Pato, elixido como Mellor Adestrador de Primeira División LNFS polo seu labor á fronte do Ribera Navarra, e estrelas como Ricardinho, do Movistar Inter, que foi o máis votado como Mellor Xogador da elite masculina.


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores