Noticias
5 de agosto de 2016
Silvia medra co Pescados Rubén

A canteirá Silvia Rubal Casas (Burela, 1995) vén de formalizar a súa renovación no CD Burela FS Pescados Rubén dedicada por completo ao conxunto sénior, despois dunha tempada na que compatibilizou obrigas entre o equipo filial e o de Primeira División RFEF. A xogadora estivo acompañada polo presidente da entidade, Manuel Blanco, e o directivo José Ángel Dovale, que destacaron “o compromiso, dedicación e incansable traballo” desta nova promesa.


“Será unha tempada diferente. Espero participar máis e axudar máis ao equipo que en anos anteriores, nos que estaba nunha fase máis de aprendizaxe”, expresaba así a súa declaración de intencións a burelá, valorando especialmente a experiencia do último exercicio na súa maduración como deportista: “Co equipo filial tiven a oportunidade de desenvolver outro rol, era das máis veteranas e puiden aprender a falar máis coas miñas compañeiras na pista, a temperar os nervios na pista e a ter máis confianza, algo que non podía facer no primeiro equipo. Puiden contribuír por min mesma por primeira vez”.


Silvia, que con tan só 20 anos, xa puido vivir a experiencia laranxa dos dous títulos de liga, volve depositar toda a súa ilusión nos obxectivos do equipo: “Será un cadro competitivo, aínda que teremos cambios; virán outras xogadoras e o equipo seguirá loitando como sempre se caracterizou”, confesaba a ala mariñá, con mestura de emocións fronte a Vista Alegre: “Sei que aquí teño un grande apoio, pero tamén moitos máis nervios; o ano que xoguei fóra, co Rioja FSF, xogaba máis relaxada, máis solta. Non quero deixar de sentir eses nervios, teño que aprendez a canalizalos para axudar máis na pista”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores