Noticias
11 de agosto de 2016
Emma: 'Oxalá este ano me saia mellor'

“Teño moitas ganas de empezar, de volver tocar o balón. Oxalá este ano saia mellor do que saíu o pasado, persoalmente claro, porque a nivel colectivo foi incrible; o vestiario estaba moi unido. Aínda que sexa difícil volver conseguir a mesma sensación, entre todas imos intentar facelo o mellor posible”, explicaba a ala-peche de 21 anos Emma Losada Santamarina, que debutou en Primeira División a tempada pasada co Burela FS Pescados Rubén nunha montaña rusa de emocións, celebrando a súa estrea goleadora en xaneiro fronte ao Móstoles FSF pero tamén coa amargura dunha lesión de xeonllo que a afastou para o resto da campaña.


Acompañada polo presidente, Manuel Blanco, e o directivo Luis A. Guillén, a 8 laranxa fixo balance das súas experiencias na Mariña durante a renovación: “Foi o ano máis difícil da miña vida, pero tamén no que máis aprendín. Tiven mala sorte coa lesión, pero creo que as cousas sempre pasan por algún motivo; eu vin aquí para aprender e non puiden facelo de mellor forma”.


Para a xogadora de berce mindoniense a súa segunda pretempada burelista será diferente: “Aínda estou nun proceso de recuperación, pero pouco a pouco irei integrándome no adestramento do grupo para ir collendo sensacións co balón”. No entanto, Emma ten depositada a súa ilusión en superar todas as adversidades e seguir medrando da man do Pescados Rubén: “Quero aproveitar este ano ao máximo, grazas ao club e á directiva, que me dan a posibilidade de seguir aquí, e ás compañeiras; espero seguir aprendendo e axudar a todo o equipo tanto dende dentro coma dende fóra da pista”.


“Emma é unha xogadora moi loitadora; precisamente esa virtude e o seu optimismo déronlle o pulo necesario para superar o complicado ano. Esperamos volver contar axiña coa súa frescura sobre a pista” explicaba Manuel Blanco. 


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores