Noticias
12 de agosto de 2016
Iago Rodríguez: 'Espero moito máis de min e do equipo'

“Espero moito máis de min e do equipo en xeral porque o ano pasado, aínda que fixemos unha boa tempada, fomos un pouco irregulares e creo que este ano, coa recuperación de Matamoros, mantendo o bloque e co mesmo adestrador, irá todo máis rodado. A tempada pasada xa demostramos que podemos pelexar contra calquera equipo e se mantemos a regularidade podemos medrar moito máis”, confesaba así Iago Rodríguez Ulla na súa renovación co CD Burela FS Pescados Rubén, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o directivo José Ángel Dovale, que salientaron “a experiencia en Primeira, a pesar da xuventude, e a boa adaptación á filosofía laranxa” do ala, con 29 partidos disputados de liga 2015-16, 14 como titular, e 16 goles.


O lugués, de 23 anos, amosouse moi ilusionado ante a súa segunda tempada na Mariña con ganas de máis: “Dende un comezo tiven claro que a miña primeira opción era seguir aquí, tanto polo proxecto deportivo como persoalmente, estou moi cómodo; podo compaxinar o fútbol sala cos estudos e estou moi preto da casa. O meu primeiro ano foi bastante bo, medrei en xogo e en minutos, estou contento pero nunca satisfeito de todo; creo que podo mellorar en moitas cousas”.


Iago Rodríguez xa conta os días para volver ao traballo, cunha pretempada que inaugurarán oficialmente os de Daniel Ibañes o luns 22 de agosto: “É estraño estar aínda nesta época do ano sen adestrar. O comezo de liga vai ser moi duro; temos que chegar moi preparados, comezar moi competitivos porque teremos que estrearnos con Palma, que volverá a estar aí arriba, e tamén temos rivais dos grandes no treito inicial”.


Consciente da valía de Vista Alegre, o 9 laranxa animou a todos os afeccionados a que “veñan gozar do mellor fútbol sala do mundo. Sentimos e agradecemos moito o seu apoio; creo que este pode ser un gran ano, co seu apoio e o noso esforzo. A xente de aquí séntese moi identificada co equipo, confiamos no seu apoio e nós intentaremos responder dándoo todo por eles”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores