Noticias
27 de agosto de 2016
Atlético de Madrid Navalcarnero 3-1 Burela FS Pescados Rubén
ACFSF ACFSF
O CD Burela FS Pescaados Rubén non puido desartellar o dominio ofensivo do Atlético de Madrid esta tarde no partido de ida da Supercopa de España 2016 (3-1). Cunha férrea defensa, o conxunto laranxa soubo frear as intencións locais durante os 17 primeiros minutos de xogo; con 2-0 en contra ao comezo da segunda parte, as galegas lograron reducir distancias con Dany, pero enseguida chegou o hattrick de Ariane e o electrónico non se moveu máis. Vista Alegre decidirá o título o vindeiro sábado, 3 de setembro, ás 20.00 horas.

A escuadra mariñá aferrouse á súa solidez defensiva ante a presión das locais, con Jozi brillando baixo os paus laranxas, a entrega incansable, sen límites, do tándem Bea-Dany e minutos de responsabilidade das novas caras. Xa no minuto 3, a meta laranxa sacou unha prodixiosa man ante Amelia. A burelense Silvia Rubal, no 5, tivo nas súas zapatillas a primeira grande ocasión das visitantes acabando na rede lateral. Jozi volveu estar sublime ante Ari (minuto 7) e Marta Pelegrín (minuto 9). Superado o ecuador da primeira parte, Sabela (minuto 12) intentou sorprender a Estela pola banda esquerda con dobre parada da madrileña; tamén xerou perigo Judith na meta rival, no 15, aínda que sen éxito. A porteira burelista nada puido facer ante o disparo afastado de Ariane, que perforou a rede pola escuadra a pouco máis de tres minutos para o descanso. Mantívose impertérrita a defensa galega ata o descanso; a súa ocasión máis clara para igualar a contenda protagonizouna Dany no 18 topándose con Estela.

Na volta á pista, o Atlético ampliou distancias xa no minuto 22, nunha rápida contra de Ariane. Con 2-0 en contra o conxunto de Lucas e Julio Delgado intentou reaccionar tirando de ofensiva. Tras a ida e vinda de Ju Delgado e Silvia no 28, Dany reduciu distancias no 30 en contragolpe; con todo, segundos despois o Navalcarnero volveu ampliar distancias con hattrick de Ariane. A 3 laranxa intentou volver sorprender a Estela, de novo en contraataque, no 34, pero non houbo fortuna finalizadora. Na recta final, Bea Mateos tivo tamén oportunidade de apertar o marcador en dobre penalti pero marchouse desviado.


Ficha técnica

Atlético de Madrid Navalcarnero: Estela, Ariane, Leti, Ju Delgado, Amelia, cinco inicial; tamén xogaron Marta Pelegrín, Desi, María Sanz,

CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Dani, Lara, Bea, Judith, cinco inicial; tamén xogaron Silvia, Elvira, Sabela

Goles: 1-0, minuto 17, Ariane; 2-0, minuto 22, Ariane; 2-1, minuto 30, Dany; 3-1, minuto 31, Ariane

Árbitros: Gómez García e Jarque Ruiz, do colexio madrileño. No Navalcarnero, tarxeta amarela para Leti (minuto 22), María Sanz (minuto 35), Ju Delgado (minuto 39). No Pescados Rubén amarela a Lara (minuto 39)

Incidencias: Partido de ida de Supercopa de España 2016 disputado en La Estación.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores