Noticias
10 de setembro de 2016
Estrea vitoriosa do Burela Pescados Rubén no derbi irmadiño
O Burela Pescados Rubén estrea a competición ligueira cun meritorio triunfo ante o Cidade de As Burgas ao que derrotou por 7-4 nun derbi galego equilibrado na primeira parte e cun Burela letal na segunda.
O choque comezou con tanteo de ambas escuadras pero moi pronto as locais inauguraron o marcador por mediación de Dany. Aos tres minutos a brasileira puxo en vantaxe ao seu equipo pero a resposta ourensana non tardou en chegar. Iria Saeta desfíxose de dúas burelistas e bateu a Jozi para empatar o derbi. O empate non desestabilizou ao Burela Pescados Rubén que mantiña a iniciativa no xogo e gozou de varias ocasións para adiantarse de novo ante un Cidade cuxo perigo chegou nun par de concesións locais. No minuto 14, Bea Mateos desequilibrou o marcador tras asistencia de Judith. Co 2-1 chegouse ao descanso e na continuación o Burela saíu máis incisivo en ataque. De novo apareceu Bea Mateos para bater a meta visitante, a capitá laranxa situou o 3-1 cun disparo que se coou polo primeiro pau defendido por Antía. O 3-1 deu paso a uns minutos de euforia laranxa e desconcerto visitante que o Burela Pescados Rubén aproveitou para marcharse con claridade no electrónico. Shiori conseguiu bater a Antía, minuto 26, para situar o 4-1 que propiciou que o Cidade se volcara en ataque pero o Burela logrou sentenciar o partido con dúas grandes accións de contragolpe guiadas por Elvira. Silvia marcou a pracer o 5-1 e o 6-1 tras asistencias de Elvira. O partido era de clara cor laranxa e Cilene puxo a guinda cun potente disparo que se coou pola escuadra ourensá. O 7-1 relaxou ao Burela Pescados Rubén e o Cidade aproveitou para maquillar o resultado con tres goles de Candela que selaron o marcador final (7-4). Ficha técnica CD Burela FS Pescado- Rubén: Jozi, Dany, Bea Mateos, Judith, Cilene -cinco inicial- Silvia, Lara, Shiori, Elvira, Paula, Nerea, Helena. Cidade de As Burgas: Ana Lastra, Candea, María Arias, Iria Saeta, Figo -cinco inicial- Sonia Pacios, Nerea, Clara, Amelia, Antía. Goles: 1-0, m.4, Dany; 1-1, m. 8, Iria Saeta; 2-1, m.14, Bea Mateos; 3-1, m.22, Bea Mateos; 4-1, m.26, Shiori; 5-1, m.29, Silvia; 6-1, m.30, Silvia; 7-1, m.33, Cilene; 7-2, m.36, Candela; 7-3, m.37, Candea; 7-4, m.40, Candela. Árbitros: Manteiga Rodríguez da Coruña, Amor Vizoso de Ferrol. Cartón amarelo a Figo do Cidade de As Burgas. Incidencias: Partido correspondente á xornada 1 de Primeira División. Disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 500 espectadores.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores