Noticias
30 de setembro de 2016
Segundo obxectivo da semana, Majadahonda, tras o intenso encontro en Navalcarnero (2-1)

Tan só un día ten o Pescados Rubén Burela FS para repoñerse do intenso partido na casa do Atlético de Madrid Navalcarnero (2-1), que se lle escapou no último suspiro cun dobre penalti. Logo de disputar onte a segunda xornada -aprazada pola morte de Neco-, as pupilas de Lucas e Julio Delgado disputarán mañá o 4º compromiso de liga na pista de Afar Majadahonda FSF (A Granadilla, 20.00 horas).


O Majadahonda recibirá o Pescados Rubén con 3 puntos traballados no seu feudo, empatado coas mariñás (UA Alicante 3-2, 3-2 Roldán, Gironella 3-1). “Será un partido moi complicado ante un rival moi anárquico, que é forte na casa, con xogadoras moi verticais e agresividade en defensa. O equipo está canso pero intentaremos levantar o voo cos tres puntos” advertía Lucas en vésperas da cita.


Sen novidades logo de onte, o cadro laranxa, que xa se quedou en Madrid, dispoñerá dos mesmos efectivos: 3. Dany, 6. Silvia, 7. R. Betim, 9. Sabela, 10. Lara, 12. Ana Romeu, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 26. Elvira


Atlético de Madrid 2-1 Pescados  Rubén Burela FS


O Pescados Rubén freou a solidez das titánicas madrileñas durante moitos minutos e ata se puxo por diante no marcador ao comezo da segunda parte, logo de chegar ao descanso co electrónico sen goles. “Optamos pola mesma filosofía de Supercopa, con xogo en media pista pero con máis armas, cos recursos das últimas incorporacións” explicaba Lucas nunha cita na que as burelistas xeraron perigo á contra fronte á posesión do Atlético. A acumulación de faltas condicionou en exceso ás mariñás na segunda parte: “Despois do gol de Dany (minuto 23), nós seguimos apostando por atopar as nosas ocasións á contra, pero vímonos obrigados a dar un paso atrás axiña coas cinco faltas” reflexionaba o técnico, expulsado no minuto 25, por protestar. No minuto 33, Amelia igualou a contenda e soubo esperar para levar os tres puntos, nos últimos segundos, con dobre penalti de Ari.


Atlético de Madrid Navalcarnero: Estela, Leti, Ju Delgado, Amelia Romero e Ari -cinco de inicio-. Tamén xogaron Marta Pelegrín, Desi e María Sanz.
Pescados Rubén-Burela FS: Ana Romero, Dany, R. Betim, Bea Mateos, Cilene -quinteto inicial-. Tamén xogaron Shiori, Lara, Sofía e Silvia.
Goles: 0-1, minuto 23, Dany; 1-1, minuto 33, Amelia Romero; 2-1, minuto 40; Ari (dobre penalti).
Árbitros: José Luis Alonso Abad e Álvaro Alonso Abad (Madrid). Expulsaron o técnico mariñán Lucas (minuto 25). Amoestaron as burelistas Bea Mateos, Dany e Cilene, e a Leti e Ari polo Atlético.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores