Noticias
1 de outubro de 2016
Movistar, terceiro clasificado no Burela Bonita

O actual campión de liga e Copa de España fíxose co bronce do Torneo Burela Bonita esta tarde en Vista Alegre ao impoñerse ao anfitrión, Pescados Rubén Burela FS, con catro tantos materializados na primeira parte dun encontro con mellor segunda parte dos laranxas, máis serios en defensa e con máis ritmo.


Lolo adiantou os madrileños no minuto 5, en xogada de estratexia, nun balón desafortunado para os mariñáns que tocou na defensa laranxa antes de perforar a rede. Perderon forza os de Daniel Ibañes pero conseguiron repoñerse aos poucos, aínda que de novo Movistar, sen perdoar, deixou pegada da súa experiencia cun rápido saque de banda que culminou Ortiz a pase de David Pazos (minuto 11). Daniel ampliou a fenda no 17 e volveu apostar o Pescados Rubén, coma onte, por xogo de cinco con Iago Rodríguez, sen recompensa. Tras o 0-4, de novo de Daniel, a 38 segundos para o descanso, Matamoros tivo nas súas zapatillas a ocasión de reducir distancias de dobre penalti, ante a correctísima cobertura de Herrero.


Vista Alegre viviu un encontro máis pausado, cun cadro mariñán máis sólido en defensa que conseguiu frear as intencións do todopoderoso madrileño. Álex erixiuse no gran protagonista desbaratando un penalti de Rivillos no minuto 24 e un dobre penalti de Taffy no 35.


Ficha técnica


Pescados Rubén Burela FS: Álex, Isi, Matamoros, Jorge Bellvert, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Petry, Antoñito, Chano, Iago Rodríguez, Hélder, Carlitos


Movistar Inter FS: J. Herrero,Humberto, Pola, Darlan, David Pazos, cinco inicial; tamén xogaron Lolo, Taffy, Raya, Daniel, Rivillos, Ortiz, Álex


Goles: 0-1, minuto 5, Lolo; 0-2, minuto 11, Ortiz; 0-3, minuto 17, Daniel; 0-4, minuto 19, Daniel


Árbitros: Martínez Torres (Pontevedra) // Cid Bragado (Ourense). Por Movistar amarela a Pola, Daniel, Taffy


Incidencias: Partido polo 3º e 4º posto do Torneo Burela Bonita disputado en Vista Alegre, arredor de 600 espectadores

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores