Noticias
14 de outubro de 2016
Elvira: 'Queremos gañar pero tamén mellorar o xogo'

O Pescados Rubén-Burela FS xa arribou ao destino da sexta xornada de Primeira RFEF para medirse ao Esportiu Rubí FS o sábado a partir das 16.30 horas (La Llana) na busca de dar continuidade aos bos resultados e de seguir medrando: “O último partido, con UCAM Murcia (2-1), non foi un dos mellores; non só queremos gañar, senón tamén mellorar o xogo” explicaba unha das caras novas da escuadra mariñá, Elvira López, que recalou este verán procedente do Ribadeo FSF, de Autonómica.


Con 9 puntos e na oitava praza, as pupilas de Lucas e Julio Delgado visitarán a pista dun rival con ganas de levantar o voo, que ata o momento tan só puido puntuar na xornada inaugural, con empate no domicilio do Leganés Masdeporte (1-1).


A 26 laranxa, habitual nas rotacións do Pescados Rubén neste inicio ligueiro, puido estrearse cara á portería esta semana en Copa Galicia fronte ao seu ex-equipo, con acoplamento paulatino ás esixencias da elite: “Custa un pouco, é difícil adaptarse á intensidade e profesionalidade do equipo, pero coa axuda das compañeiras creo que me está indo bastante ben” valoraba Elvira, entusiasmada coa experiencia burelista: “Espero que os nervios cos que salto á pista vaian desaparecendo pouco a pouco; quero disfrutar e aprender do que me está pasando e das miñas compañeiras para seguir mellorando” reflexionaba así a ribadense, a punto de cumprir 22 anos, sobre as súas metas ao longo da tempada.


O de mañá será o segundo e último partido de sanción para Lucas tras a expulsión en Navalcarnero. Tamén está amoestado o adestrador rival, Manel Cintas.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 10. Lara, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 19. Paula, 26. Elvira


Copa Galicia en Vista Alegre


Vista Alegre acollerá o segundo compromiso da fase de grupos de Copa Galicia; será o mércores 26 fronte ao Viaxes Amarelle FSF, a partir das 21.30 horas. O Pescados Rubén pelexará por seguir avanzando na competición tras impoñerse o martes pasado ao Ribadeo FSF (0-7); pola súa banda, as coruñesas fixeron o propio fronte ás mariñás de Martínez, 5-2.


As laranxas cumriron con solvencia no derbi comarcal. A vantaxe de 0-2 na primeira parte, con dianas de Silvia (minuto 10) e Dany (17) ampliárona as ribadenses Sofía (24) e Elvira (31), Lara (25 e 37) e Cilene. “Este tipo de encontros poden ser trampa, pero xogamos cómodas, déusenos ben” explicou Elvira.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores