Noticias
14 de outubro de 2016
Álex: 'Temos que defender ben e non baixar os brazos'

O Pescados Rubén-Burela FS pechará mañá a apertada semana inicial de Primeira LNFS cun gran desafío. Visita a casa do campión entre campións, o Movistar Inter FS, que se estreará ante a súa afección fronte aos laranxas e coas cámaras de Teledeporte (Jorge Garbajosa, 13.00 horas). “Somos moi conscientes de que é un encontro moi complicado e máis na súa casa. O noso partido centrarase en defender ben, non baixar os brazos e intentar aproveitar as oportunidades” explicaba o meta Álex Pérez, a piques de subir ao autobús rumbo ao destino da segunda xornada.


O 13 laranxa foi un dos grandes protagonistas do mércores ante o Palma Futsal, cunha traballada e eficaz segunda parte: “A primeira parte foi moi ben. O inicio do segundo tempo custounos; co segundo gol chegounos a ansiedade pero ao final puidemos volver ao partido co porteiro-xogador, a piques de conseguir o empate. Tan só queda seguir traballando”, reflexionaba Álex, que comeza a súa segunda tempada na Mariña “máis asentado”, con máis experiencia e madureza. “Atópome en bo momento, con ganas de achegar ao equipo e seguir mellorando para que Dani siga confiando en min” explicaba o porteiro madrileño, competindo samente coa incorporación de Joan Miñano e esperando o regreso de Edu: “Temos que seguir igual, traballando os tres e despois xa será decisión do adestrador”.


A escuadra mariñá, que partirá hoxe ás 14.00 horas cara a Torrejón de Ardoz, xa se viu as caras en pretempada con Movistar, no Torneo Burela Bonita, con vitoria para os de Velasco (0-4).


Convocatoria Movistar Inter FS: 1. Herrero, 3. Humberto, 4. Lolo, 6. Daniel, 8. Rivillos, 10. Ricardinho, 11. Taffy, 13. Darlan, 15. Álex, 17. Raya, 20. Pazos, 23. Ortiz


Convocatoria Pescados Rubén: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 11. Chano, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 23. Antoñito, 30. Hélder


Copa do Rei. Os pupilos de Daniel Ibañes terán, de novo, pouco tempo para o descanso. O martes, 18 de outubro, visitarán o Prone Lugo (municipal de Deportes, 21.00 horas) na segunda eliminatoria da Copa do Rei.


Copa Galicia. Tras o sorteo celebrado o martes pasado pola FGFS, o cadro mariñá xa coñece a identidade do seu rival en cuartos de Copa Galicia; será o Cidade de Narón, de Segunda División, como primeiro do Grupo A, tras impoñerse ao Concello de Begonte (1-8) e Ventorrillo (4-3).



 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores