Noticias
22 de outubro de 2016
Cuarto triunfo consecutivo, con brillo goleador de Dany (7-2)
O Pescados Rubén-Burela FS sumou hoxe o seu cuarto triunfo consecutivo con contundencia fronte ao FSF Rioja (7-2) nunha tarde con brillo goleador de Dany, con catro dianas, completadas por un dobrete de Cilene.

O guión de Vista Alegre comezou con iniciativa visitante no luminoso, cun Pescados Rubén un pouco frío na recta inicial; as de Logroño materializaron a súa primeira grande ocasión (minuto 13) cunha transición rápida finalizada por Patri tras perda laranxa. Foi o detonante que necesitaban as de Lucas e Julio para reaccionar e aplicar a intensidade 100% mariñá; pouco despois chegaba a igualada, en propia porta de Carmen (14), desde saque de Bea Mateos, e, en tan só un minuto, Dany deu a volta ao marcador; transcorría o minuto 15 e as burelistas xa eran donas da pista, do esférico e do marcador.

Continuou a festa futbolística con goles. Tras o perigo de Dany e Bea Mateos nos compases iniciais, o cuarto laranxa culminouno Cilene, de falta desde o bordo da área, xa no minuto 22. A meta rioxana freou o que podería ser o quinto, un balón de Elvira en corpo a corpo. Tivo entón Jozi os seus minutos de máis traballo, con eficaz resolución, ata que de novo Dany quixo volver brillar fronte á rede; en tan só un minuto, antes de chegar ao ecuador do segundo período, ampliou a fenda ata o 6-1. A precisión de Cilene volveu facer acto de presenza no 34 desde balón parado. As tímidas tentativas visitantes non conseguiron xerar perigo; tan só puido maquillar o resultado Carmen, no 35, ante unha novísima Nerea demasiado adiantada, que soubo defender a portería laranxa con eficacia na recta final da cita.



Ficha técnica

Pescados Rubén-Burela FS: Jozi, Dany, Bea Mateos, Judith, Cilene, cinco inicial; tamén xogaron Shiori, Lara, Elvira, Silvia, Sofía, Paula, Nerea

FSF Rioja: Sandra, Cris, Gloria, Carmen, Patri, cinco inicial; tamén xogaron Carro, Ainhoa, Silvia, Nahia, Miriam

Goles: 0-1, minuto 13, Patri, 1-1, minuto 14, Carmen (pp), 2-1, minuto 14, Dany 3-1, minuto 15, Dany; 4-1, minuto 22, Cilene; 5-1, minuto 28, Dany; 6-1, minuto 29, Dany; 7-1, minuto 34, Cilene; 7-2, minuto 35, Carmen

Árbitros: Naray Álvarez, José Luís (Viveiro) // Figueroa Veiga, Adrián (Lugo). Por Pescados Rubén, amarela a Judith (minuto 3)

Incidencias: Partido da sétima xornada de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre ante 500 persoas. Representando a Federación Galega de Fútbol, Carlos Méndez 'Negrín' fixo entrega da Copa de Liga 2015-16 ao equipo mariñán, que ofreceu á afección o trofeo, xunto ao recente galardón do Deporte Lucense de El Progreso
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores