Noticias
17 de novembro de 2016
Comeza a Liga Laranxa
Superado o esixente tramo inicial de liga, o Pescados Rubén Burela FS estreará mañá unha etapa de rivais a priori máis acordes coa “liga laranxa”. Vista Alegre recibirá na 7ª xornada de Primeira a Peñíscola RehabMedic (21.00 horas) coa emisión en directo por streaming LNFS Directo (www.lnfsdirecto.es).
“É un partido que temos que vivilo coma unha auténtica final, despois de seis xornadas moi complicadas, con rivais que non eran da nosa liga. Con só os 3 puntos fronte a Santiago, precisamos xa unha vitoria diante do noso público para que nos dea moral para seguir nunha liña positiva” advertía un dos capitáns mariñáns, Iago Míguez.

O obxectivo está claro; precísase un cambio de rumbo e mañá postúlase como o momento idóneo para comezar a facer realidade as primeiras metas: “Estamos mentalizados de que non se nos pode escapar nada na casa, porque psicoloxicamente nos pode axudar moito para seguir traballando e conseguir o primeiro obxectivo da tempada, afastarnos dos postos de descenso, e despois continuar traballando por algo máis, oxalá” explicaba o 5 laranxa. Os pupilos de Daniel Ibañes bateranse a un rival que, aínda que non coñece o triunfo en Vista Alegre, arrancou moi ben; ocupa a cuarta praza, con 13 puntos: “Se está cuarto clasificado é por algo; sacou partidos moi complicados, como o do Barça; é un equipo moi compacto, non baixa o nivel nas súas rotacións e mantén un ritmo de xogo moi regular” analizaba o ala burelao.

Iago Míguez tamén reflexionou sobre o lastre dos burelistas ata o momento: “A concentración estanos pasando factura; temos lapsos dos que os rivais saben beneficiarse, por iso neste partido temos que intentar subsanar este problema; competindo os 40 minutos, perderemos moi poucos partidos”.

“Non estou contento de todo con este inicio, polos resultados. Esperamos puntuar canto antes porque iso nos axudará a ser mellores. A afección está respondendo moi ben; está vindo a vernos e animarnos moita xente. Oxalá poidamos brindarlles unha vitoria este venres; irá dedicada a eles para que nos sigan apoiando” concluía Iago Míguez confiando sempre na fortaleza do baluarte laranxa, da Bomboneira.

No vestiario burelista, Daniel Ibañes non poderá contar nin con Edu, no tramo final da súa recuperación de xeonllo, nin con Chano, por molestias nun pé; tampouco estará Hélder, por decisión técnica. Na escuadra o Peñíscola, que chegou esta mañá á Mariña, viaxaron 13 xogadores, coas ausencias de Fran Conde e Álex Verdejo, por lesión.

Convocatoria Pescados Rubén-Burela FS: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato

Convocatoria Peñíscola RehabMedic FS: 3. Marquinho, 4. Yeray H., 5. Iván Rumbo, 8. Esteban, 9. Juan Carlos, 11. Carlinhos, 12. Míchel, 14. Terry, 15. Iván R., 20. R. Orzáez, 21. Juan Emilio, 24. Lucas Bolo, 25. Íker
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores