Noticias
2 de decembro de 2016
Terceira vitoria consecutiva con festexo de goles
Iago Rodríguez liderou esta noite a terceira vitoria consecutiva dos laranxas deixando a súa pegada en catro das nove dianas dos mariñáns fronte ao pechacancelas, Bodegas Juan Gil Jumilla. Aínda que tiveron que remar contra corrente, os de Daniel Ibañes souberon dar o golpe psicolóxico con 1-2 ao bordo do descanso; na segunda parte demostraron a temperanza necesaria no tira e afrouxa do electrónico ata poder tomar distancias no último cuarto.

Aos burelistas custoulles atopar a comodidade ante un rival que saltou sen medos ao parqué de Vista Alegre, disposto a atopar a vitoria nos rápidos contragolpes. Os gardametas convertéronse nos grandes protagonistas dos compases iniciais, con máis traballo para Álex, que mantivo a portería laranxa a salvo ata o minuto 16, cunha resposta veloz do Jumilla, tras falta de Mata, que finalizou Lineker; tan só 2 minutos despois, os de Gea volveron sorprender nun rápido saque de banda que rematou Everton superando a Antoñito e a Álex. Os mariñáns responderon con xogo de cinco abandeirar por Iago Rodríguez, que recortou distancias sobre a bucina.

As porterías tremeron no comezo da segunda parte. A tan só un minuto e cinco segundos do reinicio, Iago Rodríguez igualou a contenda tras falta de Lucas. O 9 laranxa volveu levar en volandas os laranxas asinando o seu hattrick, de novo en xogada de estratexia, tan só un minuto despois para devolver as táboas 3-3, tras unha rápida reacción dos visitantes que culminou Raúl Gómez. A alternancia seguiu reinando no guión da Bomboneira; cando parecía que o Burela FS podía comezar a marcar as súas regras, tomando vantaxe no 26, con Matamoros revirándose sobre a defensa murciana, Lineker recuperou o equilibrio (minuto 27) cun disparo exterior. Os goles cederon terreo para o ritmo frenético en Vista Alegre. Renato, no 35, marcou o quinto dos da casa e a partir de aí os de Daniel Ibañes souberon agarrar os tres puntos malia a aposta dos murcianos por porteiro xogador. Iago Rodríguez, nunha pugna ao bordo da liña de meta, Iago Míguez, por partida dobre, e Matamoros, de dobre penalti, completaron nos dous últimos minutos o definitivo 9-4.


Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Álex, Iago Míguez, Matamoros, Jorge Bellvert, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Iago Rodríguez, Petry, Cuco, Isi, Hélder, Renato
Bodegas Juan Gil Jumilla FS: T. Soares, Raúl Gómez, Bolívar, Everton, Lucas, cinco inicial; tamén xogaron Lineker, Ary Neto, A. Sánchez, Pimpolho, Samu
Goles: 0-1, minuto 16, Lineker; 0-2, minuto 17, Everton, 1-2, minuto 19, Iago Rodríguez; 2-2, minuto 22, Iago Rodríguez; 2-3, minuto 23, Raúl Gómez; 3-3, minuto 23, Iago Rodríguez; 4-3, minuto 26, Matamoros; 4-4, minuto 27, Lineker, 5-4, minuto 35, Renato, 6-4, minuto 38, Iago Rodríguez; 7-4, minuto 38, Iago Míguez; 8-4, minuto 39, Iago Míguez; 9-4, minuto 39, Matamoros (d.p.)
Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Castela e León). Por Burela amarela a Matamoros (minuto 17), Iago Rodríguez (minuto 38). Por Jumilla amarela a Lucas (minuto 21), A. Sánchez (minuto 25 e 35), Bolívar (minuto 31), Lineker (minuto 35 e 36), Poti (minuto 38), Ary Neto (minuto 39), Everton, Samu
Incidencias: Partido correspondente á xornada 9 de Primeira División LNFS disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. Sobre 900 espectadores. Minuto de silencio inicial en honor das vítimas do accidente aéreo de Colombia.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores