Noticias
9 de decembro de 2016
Arranca o tour, en liga e Copa, de 11 días para os laranxas

O Pescados Rubén Burela FS xa está voando cara ás Canarias para disputar mañá o primeiro de 4 enfrontamentos que terá que asumir nos próximos 11 días, entre liga e Copa. Con dobre parada nas illas, coa 10ª xornada de Primeira o sábado ás 19.00 horas e cuartos de Copa do Rei o mércores 14, 20.00 horas -horario local-, o venres 16 volverá á competición regular na pista de Catgas Enerxía (21.00 horas, TV3); Vista Alegre despedirá 2016 o martes 20, con Aspil Vidal Ribera Navarra.



Os mariñáns buscarán o seu cuarto triunfo consecutivo, na novena praza, con 12 puntos. “Temos moita ilusión e ganas nesta recta final. Creo que é unha oportunidade de estar en semifinais de Copa do Rei, hai que aproveitalo ao máximo e xogar ao límite das nosas posibilidades para seguir optando para estar en Copa de España e continuar en Copa do Rei” explicaba Daniel Ibañes, coincidindo cun dos grandes regresos desta tempada nas filas burelistas, Jorge Matamoros: “Unha vitoria sería moi importante para poder pensar en algo máis que na salvación; estamos con moitas ganas de seguir coa boa dinámica”.


Técnico e xogador volven compartir sensacións na dificultade do dobre compromiso canario. “Non sabemos cales son as súas expectativas e prioridades, pero cremos que van ser partidos igualados cun rival complicado de dobregar; malia ser un equipo que acaba de ascender, puido gañar a Jaén na súa casa e os resultados adversos son case ao final do partido”, advertía o técnico do undécimo clasificado (8 puntos), referendado por Mata: “Serán dous partidos diferentes, pero moi complicados; imos dispostos a dar o mellor de nós; é unha cancha onde gañaron poucos equipos”, explicaba o pivote madrileño, feliz co seu regreso ás pistas logo de moitos meses complicados: “Estou moito mellor, aínda non é o meu mellor momento, pero atópome moito máis rápido e facer goles axúdame moito animicamente para seguir traballando e mellorando” confesaba o laranxa tras rubricar 2 goles a semana pasada fronte a Jumilla.



Daniel Ibañes e Jorge Matamoros volven depositar o desenlace favorable na concentración, sen lapsos: “Cando cumprimos con isto conseguimos saír con bos resultados. Teremos que manter a intensidade os 40 minutos, cando perdemos a concentración os partidos escápansenos, pero nos últimos 3 encontros melloramos moito esa faceta e temos que seguir así” aseguraban os burelistas.


Aínda que de momento quedan nun segundo plano, o técnico laranxa tamén pensa no resto dos compromisos desta apertada axenda: “Non é o mellor xeito de ir Santa Coloma, unha pista sempre moi complicada, pero a filosofía vai ser a da ilusión de seguir medrando  nas dúas competicións e con isto superaremos o cansazo. Catro días despois despediremos 2016 ante a nosa afección nunha cita que temos que gañar si ou si; o importante serán os tres puntos para seguir pelexando polo soño da Copa”.


Para a cita de mañá, nas filas locais serán baixa, por lesión, Gus e Jonathan Cámara. A expedición mariñá vaixa con: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Petry, 13. Álex, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores