Noticias
15 de decembro de 2016
Confianza, ganas e ilusión para ir a pola sexta consecutiva

Tras o histórico pase a semifinais de Copa do Rei de onte ante Gran Canaria FS, o Pescado Rubén Burela FS xa está no último destino do o seu tour particular en 6 días; mañá medirase na 11ª xornada de liga ao Catgas Energía (21.00 horas, Esport3 en directo) en busca da terceira vitoria en menos dunha semana e a sexta consecutiva. “Compensaremos o cansazo con ganas e ilusión, ademais da confianza que nos deron as dúas vitorias seguidas nas illas” explicaba o laranxa Joan Miñano, protagonista por partida dobre onte, que ademais de defender a rede mariñá sentenciou o resultado con 2-4 definitivo na recta final do encontro.


O gardameta catalán mostrou unha “satisfacción enorme” polo seu papel na cita copeira encomiando a capacidade de serenidade e paciencia do equipo: “Soubemos aguantar nunha primeira parte que nos custou moito, condicionados polo resultado favorable de liga tan só catro días antes, cun rival que soubo apertar”. Con poucas horas de celebración, o conxunto galego subiuse ao avión rumbo a Barcelona ás 7.00 da mañá para recalar na terra do 20 laranxa. “Volver a esta pista é para min moi especial, onde xoguei desde os 9 anos. Aproveitarei para ver a familiares e amigos tamén, claro”, explicaba Miñano.


Desde a novena praza (15 puntos), o Pescados Rubén medirá a súa boa etapa numérica e anímica a un sólido Catgas Energía, que non coñece a derrota no seu feudo; ocupa a cuarta praza (20 puntos) e chega coa espiña de quedar apeado de Copa do Rei, logo de encadear as vitorias ligueiras fronte a Canarias (5-3) e Santiago Futsal (3-7). “Creo que a nosa baza será a solidez en defensa. Catgas ten un ataque moi efectivo; se conseguimos defender ben como equipo poderemos facer moito dano á contra”, advertía o meta mariñán.


A expedición burelista, que adestrou esta tarde en Santa Coloma, non terá cambios con respecto aos dous compromisos anteriores, cos canarios: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Petry, 13. Álex, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito. O técnico cumprirá o segundo e último partido de sanción tras a amoestación nas Canarias, de liga.


 


Convocatoria Catgas Energía: 31 Prieto e 15. Esteve (porteiros), 4.Pablo, 8.Dani Salgado, 9.Javi Rodríguez, 10.Sepe, 11. Maxi, 12. Corvo, 13. Rangel, 16. David, 17.Rafa López, 21.Sergio.


 


Sorteo de Copa do Rei


O cadro mariñán coñecerá a identidade do seu rival na primeira semifinal da historia laranxa o vindeiro martes, 20 de decembro, entre Levante UDDM, Magna Gurpea e ElPozo Murcia, que se impuxeron a Jaén Paraíso Interior (4-1), Valdepeñas (2-7) e Catgas Energia (3-5). A ida está programada para o 18 de xaneiro e a volta para o 8 de febreiro.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores