Noticias
7 de xaneiro de 2017
Pescados Rubén 2-8 ElPozo Murcia FS

Un Pescados Rubén Burela FS, moi escaso de efectivos, pelexou ata a extenuación por plantar cara ao titánico ElPozo Murcia FS (2-8), que fixo gala da súa calidade e acerto en Vista Alegre ante un cadro mariñán no que os xogadores máis novos deron un paso adiante con peso e responsabilidade.


As filas burelistas puideron desbaratar senllos balóns de Raúl Campos antes de cumprirse o segundo minuto de xogo, pero nada puideron facer na terceira cun disparo de lonxe que se coou raso ao bordo do pau (minuto 2). Pouco despois, protagonizou o Pescados Rubén as súas primeiras grandes ocasións, co tándem dos Iago no minuto 3 -Míguez non puido chegar ao centro de Rodríguez- e no 4 Hélder rozou o pau a pase de Iago Rodríguez. Os visitantes ampliaron a fenda no 7, con Fernando. Viviu entón o Pescados Rubén uns momentos idóneos para reducir distancias, con grandes oportunidades desde saque de esquina, ante a defensa infranqueable dos levantinos. De novo, a eficacia murciana deixou pegada, co 0-3 (minuto 14) de Matteus nun lanzamento alto, a balón parado. Tan só un minuto despois, os pupilos de Daniel Ibañes rexurdiron con 1-3, de Iago Míguez, en pelexa fronte a Fabio ao bordo da liña de meta, xunto a Hélder. Apostou entón o cadro local, con xogo de cinco liderado por Iago Rodríguez, a falta de case catro minutos para o descanso.


Álex ampliou a vantaxe nos primeiros minutos da segunda parte ata 1-5, no 22 desde saque de esquina de Bebe e no 23 tras a segunda amarela que viu Iago Rodríguez. Antes de chegar ao 30, o Burela FS volveu recorrer ao porteiro xogador, con Antoñito, e atopou a portería rival, cun balón afastado de Renato. Con todo, esta aposta tamén lle deu as costas, xa no 31, cun contragolpe culminado por Marinovic. A perfección de ElPozo fixo mella nun minguado e canso Pescados Rubén, tomando distancias ata o 2-8, con Pito no 34 e Fernando no 35. Na recta final, Renato e Sergio Cora tiveron boas ocasións para acurtar distancias.


Ficha técnica


Pescados Rubén Burela FS: Álex, Iago Míguez, Chano, Antoñito, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Iago Rodríguez, Hélder, Carlitos, Sergio Cora


ElPozo Murcia FS: Fabio, Andresito, Álex, Raúl Campos, Marinovic, cinco inicial; tamén xogaron Matteus, Pito, Fernando, Elías, Bebe, Iván


Goles: 0-1, minuto 2, Raúl Campos; 0-2, minuto 7, Fernando; 0-3, minuto 14, Matteus; 1-3, minuto 15, Iago Míguez; 1-4, minuto 22, Álex; 1-5, minuto 23, Álex; 2-5, minuto 30, Renato; 2-6, minuto 31, Marinovic; 2-7, minuto 34, Pito; 2-8, minuto 35, Fernando


Árbitros: Felipe Madorrán (País Vasco) // Urdanoz Apezteguia (Navarra). Por Burela FS dobre amarela para Iago Rodríguez (minuto 15 e 23). Por ElPozo amarela para Matteus (minuto 14)


Incidencias: Partido correspondente á xornada 14 de Primeira División LNFS disputado no pavillón Vista Alegre, de Burela. Ao redor de 900 afeccionados/as.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores