Noticias
17 de xaneiro de 2017
Despedida de Daniel Ibañes, que cede o banco a Tomás de Dios
Daniel Ibañes despediuse esta noite do Pescados Rubén Burela FS tras o 1-5 en semifinais de Copa do Rei fronte a Magna Gurpea. O técnico laranxa nas dúas últimas tempadas decidiu adiantar o seu adeus ao proxecto mariñán de mutuo acordo coa entidade nunha campaña de altibaixos e tras unha complicada etapa encadeando seis resultados adversos consecutivos en liga. Cederá o banco ao ata agora seleccionador de Guatemala Tomás de Dios, que asumirá as rendas desde mañá, segundo anunciou en rolda de prensa o presidente burelista, Manuel Blanco Fanego, que acompañou a Daniel na súa última comparecencia á fronte do conxunto laranxa.

“É unha decisión tomada de mutuo acordo co club; non é algo decidido nin nun día nin en dous, nin condicionado polos últimos resultados. Non fun capaz de tocar a tecla adecuada para que este equipo poida competir en todos os partidos, por iso chegou o momento de dar un paso atrás para o que chegue poida enchufar este equipo; ten por diante toda unha volta para que estes xogadores poidan dar o 100%.” explicaba o adestrador hispano-brasileiro, que finalizaba contrato en xuño, facendo referencia ás irregularidades dun Burela que deu a cara nos grandes momentos, pero tamén con erros que o lastraron en exceso noutras ocasións. Daniel quixo agradecer o trato tanto da afección como do club e dos medios de comunicación durante a súa estancia na Mariña.

Apoiando o técnico na súa marcha, Manuel Blanco agradeceu a Daniel Ibañes o seu gran labor á fronte do Pescados Rubén nesta tempada e media. “O nome de Daniel Ibañes xa forma parte da nosa historia; con el puidemos gozar da nosa segunda clasificación para a Copa de España, cunha brillante participación ata semifinais, ademais de superar todas as expectativas en Copa do Rei”, reflexionaba así o presidente burelista loando a compromiso do hispano-brasileiro, que demostrou “desde o primeiro día a súa profesionalidade e gran traballo”. “Váisenos unha gran persoa, que así o demostrou dentro e fóra da pista, e que sempre terá as portas da nosa casa abertas” afirmaba o dirixente do Pescados Rubén.

“Tomará o mando Tomás de Dios; chegará mañá a Burela desde Guatemala para poñerse á fronte do equipo”, explicaba Manuel Blanco, facendo oficial o regreso do técnico salmantino de 51 anos, nacido en Bordeos (Francia), ao fútbol sala español, e galego. Co bagaxe de Autos Lobelle FS (2004-06 e 2008-12), Celta de Vigo (2006-07), Leis Pontevedra (2007-08) e Fisiomedia Manacor (2012-14), Tomás de Dios volve a Primeira División LNFS dous anos despois de estrear experiencia á fronte da Selección de Guatemala.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores