Noticias
20 de xaneiro de 2017
Pescados Rubén 0-4 Movistar Inter
O novo Pescados Rubén Burela FS de Tomás de Dios estreouse esta noite cun pavillón repleto, ofrecendo intensidade, sacrificio e valentía, aínda que moi condicionado pola acumulación de faltas, ante un Movistar Inter FS (0-4), que só puido sentenciar a cita nos minutos finais, abrindo fenda coa axuda dúas penas máximas.

A Bomboneira conxurouse para frear a calidade finalizadora do campión entre campións, cun gran repregue e un Álex sublime durante os 40 minutos. Tras o ecuador da primeira parte a galopada de Renato pola banda puxo en pé ao animado Vista Alegre, que berraba polo primeiro gol, nun balón que recolleu Bellvert e serviu demasiado frouxo ao meta ex-burelista. No 13 Rafael non atopou a rede burelista tras un perigoso roubo preto da área local, pero non perdoou Gadeia no 14, cun potente disparo afastado. Unha das máis claras para os galegos estivo protagonizada por Cuco, en xogada de estratexia, cun balón alto que rozou o 15 interista cos dedos.


A incansable e numerosa bancada laranxa levou en voandas aos burelistas para conter a ofensiva interista durante os primeiros minutos tras o descanso. Darlan e Taffy chocaron fronte á solidez de Álex nos compases iniciais; o 13 local se erixiuse de novo protagonista no 25 con dobre axexo de Ortiz no área local, con guinda de Ricardinho, e volveu levantar os aplausos dunha afección entregadísima no 30, cunha man prodixiosa fronte a Pola, de lonxe. O tándem dos Iago dispuxo das mellores ocasións, con Míguez no 25 tras desfacerse da defensa visitante e Rodríguez no 30 en galopada.

O Movistar, como equipo grande que é, atopou o apoio que necesitaba para facer efectiva a súa artillería. O cadro de Velasco tocou de novo a rede laranxa nun penalti transformado por Taffy. Era o minuto 34 e Tomás de Dios, no seu debut, apostou con xogo de cinco comandado por Antoñito; o banco laranxa reclamaba máis posesión pero non obtivo recompensa. No 36, o Movistar ampliou a renda, de novo a balón parado, con doblepenalti de Ricardinho pola escuadra tras falta de Iago Míguez e con Rafael, só ante o 13 laranxa.

Un Vista Alegre de luxo non deixou de animar os mariñáns, que se deixaron a pel ata o último suspiro.

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Álex, Iago Míguez, Matamoros, Bellvert, Cuco, cinco inicial; tamén xogaron Iago Rodríguez, Hélder, Isi, Carlitos, Antoñito, Renato
Movistar Inter FS:, Álex Glez., Lolo, Pola, Ricardinho, Rafael, cinco inicial; tamén xogaron Ortiz, Taffy, Gadeia, Daniel, Pazos, Darlan
Goles: 0-1, minuto 14, Gadeia; 0-2, minuto 34, Taffy (penalti); 0-3, minuto 36, Ricardinho (d.p.); 0-4, minuto 36, Rafael
Árbitros: Rodrigo Miguel // Sánchez Molina (Castela A Mancha). Por Burela FS amarela a Renato (minuto 10), Álex (minuto 23), Iago Rodríguez (minuto 25), Iago Míguez (minuto 36), Isi. Por Movistar amarela a Pazos (minuto 25)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de Primeira División LNFS disputado no pavillón Vista Alegre, de Burela. 1400 afeccionados/as
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores