Noticias
23 de xaneiro de 2017
Tomás de Dios: 'Temos a obriga e a responsabilidade de superar a eliminatoria'
Copa Galicia 2016

O Pescados Rubén Burela FS estrearase mañá na XXVI Copa Galicia no compromiso de cuartos medíndose ao Cidade de Narón (A Gándara, 19.30 horas), de Segunda División. “As eliminatorias de Copa sempre son complicadas; o rival estará ao 120%, pero temos a obriga e a responsabilidade de gañar e chegar á final” explicaba Tomás de Dios en vésperas da cita.


“Sabemos que somos favoritos pola diferenza de categoría, pero iso non debe desencadear en momentos de relaxación; debemos estar igual de concentrados e despregar a mesma intensidade” advertía o técnico facendo referencia ao hándicap das lesións, coa ausencia de Matamoros, que recibiu un golpe no xeonllo o venres contra Movistar, ademais de Edu e Chano, xunto ao xogador do filial Sergio Cora.


“Mañá veremos un Burela intenso en defensa como con Movistar, con intención de roubar o balón, e en ataque traballaremos as individualidades, con pautas novas” adiantaba Tomás de Dios, analizando a situación do Narón: “É un rival que tamén chega con baixas importantes. Defende cambiando en primeira liña, ten xogadores con experiencia en Primeira e mestura veteranía e mocidade, onde destacan Arrivi, Juve e Víctor”.


Historia


O último enfrontamento en Copa Galicia con Cidade de Narón foi o ano pasado con 2-5 a favor dos laranxas, en semifinais.


Resultados de cuartos


En caso de saír vitoriosos, os mariñáns mediranse en semifinais ao Prone Lugo FS, que se impuxo a Pizarras 3Cuñados FS nos penaltis tras 1-1. O outro billete que opta á final decidirase entre Noia FS e Santiago Futsal, que gañaron a O Parrulo (5-5, nos penaltis) e Leis Pontevedra (1-4) respectivamente.


Volve a Liga con Teledeporte


A liga regresará tamén con arrecendo irmandiño, o sábado 4, coa Xornada 18, na pista do Santiago Futsal, duodécimo con 19 puntos, e as cámaras de Teledeporte (13.15 horas).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores