Noticias
26 de xaneiro de 2017
O pivote José Carlos, nova incorporación burelista

O pivote catalán José Carlos López Lozano (Barcelona, 1983) será xogador do Pescados Rubén Burela FS ata final de tempada. Con ampla experiencia en Primeira División e procedente do Torrejón Sala, o novo integrante laranxa incorporarase aos adestramentos do conxunto de Tomás de Dios o vindeiro luns.


“Durante estes días recibín máis propostas pero Pescados Rubén é a oportunidade que estaba esperando para volverme ilusionar con este deporte; levo moitos anos xogando en Primeira e Segunda División, pero teño a mesma ilusión e ánimo que cando empecei, aos 18 anos” confesábase así de emocionado José Carlos, todo un clásico do futsal en España, por esta nova etapa. “Logo de saír de Zaragoza e cun proxecto frustrado no verán preto da casa, en Madrid, as ofertas que recibín en xullo e agosto, tanto de España como de fóra, non me convenceron; durante estes meses, con Torrejón Sala, en Segunda B, puiden manterme activo á espera dunha oportunidade coma esta” explicaba o xogador catalán.


“O mercado de inverno é difícil; requírese unha adaptación moito máis rápida pero chego con ilusión e ganas de volver traballar en Primeira, coa mentalidade de axustarme ao grupo enseguida. Creo que non será difícil porque xa teño varios coñecidos no equipo. Estou desexando que chegue o luns para dalo de todo de min” irradiaba así a súa enerxía positiva o xa pivote burelista.


Co dorsal 31 ás costas, José Carlos recala na Mariña cunha dilatada traxectoria na máxima categoría. No seu último enfrontamento cos galegos, en 2015-16, defendía a camiseta do DLink Zaragoza; Caja Segovia (2012-13), Carnicer Torrejón (2009-12), Pinto (2008-09), Boadilla (2003-04, 2006-07) son algúns dos clubs de referencia no percorrido deportivo do pivote, que tamén cortexou o futsal internacional de Primeira, co Napoli (2013-14) italiano e no Baku United londinense (2014-15).


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores