Noticias
6 de febreiro de 2017
Ás portas dunha final

O Pescados Rubén Burela FS esgotará mañá os seus cartuchos para facer de novo historia, ás portas da final de Copa do Rei. Magna Gurpea espera aos pupilos de Tomás de Dios en Anaitasuna para disputar o partido de volta de semifinais, a partir das 20.00 horas. Non se presenta como unha tarefa nada doada para os mariñáns, que terán que loitar contra a vantaxe para os de Imanol Arregui en Vista Alegre por 1-5, pero o capitán laranxa, Iago Míguez, teno claro: Querer é poder e por iso hai que pelexar. “Está moi complicado pero non imposible, imos coa mentalidade de competir e de facer un gran partido, de acabar a primeira parte ben e pensar en que poder conseguir a clasificación na segunda”.


“Imos coa mentalidade de conseguir algo histórico, de non ser así quedariamos na casa”, advertía o 5 burelista, buscando na cita copeira un cambio de aires e de sensacións que escriban con letras de ouro un capítulo máis na historia do Pescados Rubén e lle devolvan, ademais, ao equipo os ánimos necesarios para volver sumar, fuxindo das pantasmas de liga: “Esta é outra competición; non estamos en liga e debemos esquecer o tropezo do derbi con Santiago, que foi un pau para nós. Traballamos hoxe e mañá teremos outra sesión. Estamos mentalizados para cambiar esta situación e esperemos que mañá empece a racha positiva de novo”.


Iago Míguez espera que a finalización non lles dea as costas esta vez, avalando o encontro na firmeza defensiva: “Na primeira parte da ida fomos superiores, con moitas ocasións, pero nisto se basea o xogo, en materializar, e non estivemos acertados. Temos que corrixir esa faceta e intentar que non se nutran dos nosos erros porque teñen xogadores de moita calidade, que en calquera momento che poden facer un gol”, concluía o ala burelista.


A expedición laranxa chegará a terras navarras hoxe sobre as 21.00 horas e mañá realizará a última sesión, ás 10.00 horas. Nas filas burelistas serán baixa por lesión Edu, Chano, Matamoros e Isi. No vestiario local, non estarán Jesulito, Eric Martel e Víctor, que continúan recuperándose das súas respectivas lesións.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 2. Sergio Cora, 5. Iago Míguez, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30 Hélder, 31. José Carlos


 


A outra semifinal


O segundo billete para a gran cita decidirase tamén hoxe, ás 20.30 horas, entre o Levante UDDM e ElPozo Murcia, con vantaxe aplastante de 10-1 na ida para os de Duda.



Fin de Semana Laranxa


O enfrontamento copeiro repetirase o venres en Vista Alegre, pero con compromiso de liga, coa visita dos de Pamplona na 19 xornada (21.00 horas), arrincando o Fin de Semana Laranxa. O sábado, as pupilas de Lucas e Julio Delgado mediranse con Atlético de Madrid (18.30 horas), que recalará na Mariña liderando a clasificación de Primeira RFEF.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores