Noticias
7 de febreiro de 2017
A proeza laranxa non se cumpre na Copa
Foto: Magna Gurpea
O Pescados Rubén Burela FS non puido cumprir a proeza de coarse na final de Copa do Rei. Os mariñáns, que viaxaban a Anaitasuna con desvantaxe de 1-5 fronte ao Magna Gurpea, caeron esta tarde por 3-0 no partido decisivo. Os navarros mediranse na gran cita a ElPozo Murcia con senllas vitorias ante Levante UDDM, 1-10 e 3-4.

“Era moi difícil pero tiñamos que intentalo e tiñamos que provocar case un imposible, pero as circunstancias non nos favoreceron”, explicaba tras a cita Tomás de Dios, cunha escuadra que saíu a por todas desde o asubío inicial, con xogo de cinco, adiantando a Joan, aínda que no minuto 5, os locais interceptaron o esférico nunha elevación dos laranxas desde saque de banda e aproveitouno Araça para poñerse por diante e ampliar a fenda que favorecía os navarros para o billete de ouro. “A intención era manexar o partido e poñernos por diante para que eles subisen a presión pero aos poucos o partido fóisenos poñendo costa arriba” explicaba o técnico do Peixes Rubén.

Os navarros ampliaron a vantaxe no tramo inicial do segundo tempo, con Yoshikawa e Dani Saldise (minutos 21 e 24). “Cando aínda non transcorrera un minuto chegou o segundo en contra, un gol clave, que nos fixo pensar máis en gañar o partido que en salvar a eliminatoria, aínda que non tivemos a profundidade necesaria nin as ocasións para cambiar as circunstancias” concluía De Dios.

Agora toca pensar en liga pero cos mesmos protagonistas. O envite entre laranxas e verdes repetirase este venres, con compromiso de liga, en Vista Alegre, ás 21.00 horas.

Ficha técnica
Magna Gurpea: Asier, Araça, Eseverri, Dani Saldise, Rafa Usín, cinco inicial; tamén xogaron Yoshikawa, Alvarito, R. Martil, Dani García, Beascoechea, Ochotorena
Pescados Rubén Burela FS: Miñano, Antoñito, Cuco, José Carlos, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Jorge Bellvert, Iago Míguez, Iago Rodríguez, Hélder, Carlitos
Goles: 1-0, minuto 5; Araça; 2-0, minuto 21, Yoshikawa; 3-0, minuto 24, Dani Saldise
Árbitros: Aitor Fraile // David Uranda
Incidencias: Partido correspondente á volta de semifinais de Copa do Rei disputado no pavillón Anaitasuna de Pamplona.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores