Noticias
10 de febreiro de 2017
Vista Alegre, a proba ante o líder

Vista Alegre completará mañá outra Fin de Semana Laranxa coa visita do Atlético de Madrid (18.30 horas), que recalará na Mariña na 17ª xornada imbatido e liderando a táboa de Primeira RFEF, para brindar máis emoción aos sempre espectaculares duelos entre laranxas e branquivermellas.


Nunha das grandes citas da tempada, as mariñás intentarán dar continuidade ao bo inicio de 2017 na cuarta praza, cumprindo coa quinta vitoria consecutiva, malia a complexidade do compromiso: “Sabemos que son as favoritas, están imbatidas e dispoñen dun cadro moi amplo, pero o noso equipo vai dalo todo para poñérllelo moi difícil, sendo fortes en defensa e aproveitando as nosas oportunidades en ataque. O Atlético levará o peso do partido pero nós tamén imos crear perigo e será aí onde non temos que fallar para ter opcións no partido” explicaba Iván Cao, Lucas, esta mañá tras o último adestramento da semana. “Temos que traballar por un marcador curto, como nos últimos enfrontamentos contra elas, e ter fortuna na finalización” puntualizaba o mariñán; así se viviu a cita de La Estación, cun axustado 2-1 para as locais.


“O público sabe o partido que nos espera e vai estar aí, apoiándonos coma sempre. Os encontros entre Navalcarnero e Pescados Rubén xa son case un derbi, pola rivalidade das últimas tempadas, e mañá vai volver ser un partido moi bonito para o público” adiantaba o técnico, agradecendo o respaldo incondicional da Bancada Laranxa.


Lucas e Julio Delgado non terán ausencias, aínda que o vestiario mariñán chega ao espectacular duelo con molestias en varias xogadoras.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 10. Lara, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 19. Paula, 26. Elvira


Chocolatada


Para adozar o gran duelo, a afección de Vista Alegre poderá gozar dunha deliciosa merenda de chocolate con churros a prezos populares, desde as 17.30 horas. Durante o descanso, haberá un partido da categoría prebenxamín.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores