Noticias
10 de febreiro de 2017
Pescados Rubén 0-5 Magna Gurpea
A ineficacia de cara a gol e as faltas innecesarias convertéronse nunha lousa demasiada pesada para o Pescados Rubén Burela FS esta noite en Vista Alegre, fronte á orde defensiva e a solvencia nas transicións do Magna Gurpea (0-5). Os mariñáns ofreceron intensidade e dispuxeron de ocasións ante un rival que conseguiu avantaxarse 0-3 ao descanso, con dúas xogadas de estratexia e un contragolpe.

No minuto 8, Yoshikawa deulles a vantaxe aos navarros esperando pegado ao pau un balón de falta ao bordo da área. Antes as tentativas dos de Imanol Arregui desinfláronse nos últimos metros, con poucas intervencións de Álex, fronte á boa saída dos de Tomás de Dios, que dispuxeron de mellores ocasións, con presión de Renato, no minuto 3, e con José Carlos a balón parado no 4. Os locais tiveron que afanarse máis en defensa ante un rival que foi medrando paulatinamente e as chegadas á meta de Asier reducíronse drasticamente. No 14, Antoñito, con José Carlos, tivo unha das máis claras, nunha pelexa na área con Asier. Un erro dos mariñáns propiciou a contra de Dani Saldise, que acabou no 0-2, tras superar as costas de Antoñito; Álex freou a primeira embestida do 9 visitante, que a cazou no rexeite. En menos dun minuto, os laranxas, cargados de faltas, recibiron o mazazo do terceiro nun dobre penalti de Rafa Usín.

Álex desartellou con precisión as escasas chegadas do Magna, cómodo coa fenda aberta na primeira parte e impasible ante a gradual intensificación da ofensiva laranxa. En tan só uns segundos, antes do cumprir o ecuador do segundo acto, do que podería ser o 1-3, nas zapatillas de Iago Rodríguez, a pase de Renato, pasouse ao 0-4, na tentativa de Isi por despexar o balón de falta de Araça. Os da Mariña apostaron por Iago Rodríguez como porteiro xogador, tralo 0-5, no 30, culminando Rafa Usín en contraataque, asistido por Araça. Os burelistas crearon perigo, aínda que sen a recompensa esperada, e decidiron recuperar o xogo de catro na recta final co recurso de pivot arriba; de novo, malia as ocasións, non puideron perforar a rede navarra.


Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Álex, Iago Míguez, Bellvert, Renato, José Carlos, cinco inicial; tamén xogaron Cuco, Isi, Antoñito, Iago Rodríguez
Magna Gurpea: Asier, Araça, Yoshikawa, Rafa Usín, Eseverri, cinco inicial; tamén xogaron Dani Saldise, R. Martil, Alvarito, Dani García
Goles: 0-1, minuto 8, Yoshikawa; 0-2, minuto 16, Dani Saldise; 0-3, minuto 17, Rafa Usín (d.p.), 0-4, minuto 29, Isi (p.p.); 0-5, minuto 30, Rafa Usín
Árbitros: Contreras Tejedor // Redondo Arenales (Castela e León). Por Burela FS, amarela a Renato (minuto 13). Por Magna, amarela a R. Martil (minuto 34)

Incidencias: Partido correspondente á 19ª xornada de Primeira LNFS disputado en Vista Alegre. Arredor de 900 afeccionados/as.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores