Noticias
11 de febreiro de 2017
Pescados Rubén 1-2 Atlético de Madrid
Vista Alegre gozou esta tarde dun grande espectáculo dentro e fóra da pista cun gran Pescados Rubén Burela FS ao que lle sobraron tres minutos fronte ao liderado do imbatido Atlético de Madrid Navalcarnero (1-2) para dar continuidade á boa racha de 2017. As mariñás mereceron máis nunha pugna con dobre fronte inimiga, a posesión madrileña e as polémicas decisións arbitrales, con reiterados fallos de reuglamento.


Viviu Pescados Rubén unha gran primeira parte, na que foi fiel ao guión esperado: solidez defensiva ante o dominio visitante, aínda que sen demasiado traballo para Jozi, e moito perigo en contragolpe. Así Cilene, a pase de Dany, fixo estalar a Bancada Laranxa anotando en 1-0 no minuto 13; a 16 burelista xa protagonizara unha gran galopada no minuto 8 e Sofía, no 5, puxera en apertos a Estela. Mantiveron con coraxe a súa renda as burelistas, con Jozi fronte a Ari, no 16, e máis tarde ante Leti. A 9 segundos para o descanso, as guerreiras laranxas evitaron o empate tras unha gran pugna na área local.


A volta á pista non foi a mellor para as mariñás, que encaixaron o empate a tan só 33 segundos da reincio cun canonazo de Ari. Antes de cumprirse o primeiro minuto, o pau impediu o segundo das visitantes e no 25 Lara salvou a tentativa de Marta Pelegrín na liña de meta. Chegou entón a grande ocasión das laranxas para adiantarse nun pase longo a Dany, que desviou Estela co pé. Co paso dos minutos, as laranxas volveron crecer en ofensiva. Superado o minuto 30, ambas as porteiras convertéronse en protagonistas, primeiro Jozi desartellando ante Ame Romero e María Sanz e poucos segundos despois Estela ante a máxica Dany, o gran pesadelo das madrileñas, e Cilene. Ame Romero deulles a dianteira ás madrileñas no 37 desde o chan, pegada ao pau, e reaccionou o Pescados Rubén con Bea Mateos como porteira xogadora. No último minuto, o largueiro salvou o terceiro das visitantes, con Leti, de cabeza, desde balón parado.


Ficha técnica

Pescados Rubén-Burela FS: Jozi, Dany, Bea Mateos, Cilene, Shiori, cinco inicial; tamén xogaron Lara, Sofía, Elvira, Silvia

Atlético de Madrid Navalcarnero: Estela, Ariane, Ju Delgado, Leti, Ame Romero, cinco inicial; tamén xogaron Fabi, Marta Pelegrín, Desi Godoy, María Sanz

Goles: 1-0, minuto 13, Cilene; 1-1, minuto 21, Ari; 1-2, minuto 37, Ame Romero

Árbitros: Salinas García (Ferrol) // Coello Martínez (A Mariña). Por Navalcarnero amarela Desi Godoy (minuto 12), Fabi (minuto 18), Ari (32), Ju Delgado (37)

Incidencias: Partido da 17ª xornada de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre ante unhas 700 persoas.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores