Noticias
17 de febreiro de 2017
Vista Alegre recibe o Jáen con 10 finais por diante

O Pescados Rubén volve a Vista Alegre mañá (18.30 horas), logo da visita ao Palau do mércores, coa visita do Jáen Paraíso Interior, que recala na Mariña na quinta praza (36 puntos). “Temos que encarar xa esta recta final de liga; son 10 xornadas e 10 finais” advertía o técnico laranxa, Tomás de Dios, depositando a fortaleza do cadro mariñán na Bomboneira: “O bo de ter compromisos tan seguidos é que cada tres días nos podemos reivindicar e iso é importante para nós. Na casa temos que ser fortes e necesitamos a axuda do público e máis nesta situación delicada; necesitamos que a bancada nos transmita e nós tamén temos que traballar para enganchala”.


“Vén un equipo da zona alta, ordenado, moi competitivo tanto dentro como fóra da casa, con xogadores importantes, con xogadores desequilibrantes en situacións dun contra un e que leva unha regularidade nas últimas ligas, pero nós traballaremos para merecer a vitoria. O equipo está competindo e xa está mostrando no xogo o traballo destas semanas intensas de adestramento” reflexionaba así sobre o perigo xienense De Dios, extraendo tamén unha lectura positiva do seu paso por Barcelona, a pesar do marcador: “Competimos ata o minuto 40, ao límite das nosas posibilidades, o colectivo sufriu e tivemos a nosa oportunidade de partido, que foi co 2-1, aínda que o terceiro gol en contra, nun minuto crítico, nos pasou factura”.



O último adestramento para os laranxas será esta tarde, ás 17.00 horas, no mausoleo burelao, poñendo o broche a un ciclo que baixará a súa intensidade a partir do luns. “Necesitamos recuperarnos, non só destes días senón dunhas semanas con moito traballo. Estamos afectados a nivel físico e a prioridade agora mesmo é a recuperación”. O conxunto de Dani Rodríguez tamén finalizará a preparación da semana nas instalacións mariñás, con sesión prevista para as 19.00 horas.


Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder, 31. José Carlos


Convocatoria Jáen Paraíso Interior: 2 Mauricio, 5 Boyis, 6 Murga, 8 Campoy, 10 Mauricinho, 11 Dani Martín, 12 Fabián, 15 Dani Cabezón, 16 Javi Alonso, 20 Chinés, 21 Dídac, 23 Solano


Chano


Sebastián Vargas, Chano, foi intervido o mércores con éxito dunha calcificación no talón de Aquiles que o afastou da competición nas últimas semanas. O pivote andaluz regresará a Burela, desde a súa terra natal, para iniciar a recuperación en canto reciba o permiso médico.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores