Noticias
24 de febreiro de 2017
Tomás de Dios: 'O Peñíscola é o equipo máis completo ao que nos enfrontamos dende a miña chegada'

O Pescados Rubén Burela FS afronta unha final máis no seu obxectivo de afastarse dos postos de perigo, este sábado, nun duelo de sendas opostas, na pista do Peñíscola RehabMedic, sexto clasificado (39 puntos). “O Peñíscola é o equipo máis completo ao que nos imos enfrontar desde a miña chegada”, advertía o técnico laranxa, Tomás de Dios. A cita da 22ª xornada de Primeira LNFS, que arrincará ás 18.00 horas, poderá seguirse en directo por streaming con LNFS Directo (www.lnfsdirecto.es).


“Temos a motivación e a necesidade para conseguir os tres puntos independentemente do rival. Imos vendo mellora e esa evolución debe ir acompañada xa dun resultado positivo” adiantaba De Dios, fronte ao difícil reto de baterse cun rival, case invencible na casa, que debutará na Copa de España de Cidade Real o 10 de marzo e encadea 5 vitorias consecutivas: “É unha cancha onde só foi capaz de gañar un dos grandes, ElPozo Murcia, e sacou 1 punto Santiago, unha pista practicamente inexpugnable”.


“É un dos equipos mellor preparados da liga tacticamente, domina de forma notable as organizacións de xogo importantes: as pautas, as intencións de xogo, cando teñen que profundar son moi directos e cando teñen que repregar defenden moi ben as inferioridades. É o rival mellor traballado ata o momento -non o mellor porque nos enfrontamos a Inter- destacando o seu xogo de transicións ofensivas e o seu xogo de pivote”, analizaba o adestrador mariñán. Precisamente o xogo de pivote vai ser unha da claves do partido: “Se somos capaces de defender en inferioridades, porque eles van provocar esa forma de xogar, e se somos capaces de defender os pivotes, algo que os nosos xogadores especialistas están facendo ben, teremos posibilidades” advertía Tomás.



Na enfermería laranxa, ás ausencias de Chano, Matamoros, Edu ou do xogador do filial Sergio Corra, súmase a de Renato, cunha posible rotura de fibras. “É unha baixa importante porque é un xogador novo pero desde a miña chegada é o terceiro xogador que máis minutos disputou. Debido á situación que atravesamos, agora estámonos convertendo todos en imprescindibles; esta baixa fainos dano pero ímolo aproveitar para que xogadores con menos minutos teñan a súa oportunidade de demostrar que están traballando ben” explicaba De Dios.



A expedición laranxa, xa en Peñíscola, realizará o último adestramento da semana ás 16.00 horas. Nas filas locais, tan só estará ausente Álex Verdejo.


Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 30. Hélder, 31. José Carlos

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores