Noticias
1 de marzo de 2017
Iago Míguez: 'Pedimos un último esforzo de Vista Alegre'

Vista Alegre vive unha semana decisiva para a permanencia do Pescados Rubén Burela FS entres os mellores de España. O resultado en Peñíscola levou o cadro mariñán a unha situación de emerxencia e este venres terá unha proba de ouro pola continuidade en Primeira LNFS, coa visita do Plásticos Romero Cartagena FS (21.00 horas), que avantaxa os laranxas en 8 puntos. “Dende o vestiario pedimos todo o apoio da afección. Sabemos que para eles tamén é complicado; é a primeira vez que a falta de tan poucas xornadas estamos pelexando por seguir en Primeira. Agora é cando se valora a traxectoria de Primeira e de conseguir clasificarnos para a Copa de España; no momento ao mellor non eramos totalmente conscientes dos logros. Se queremos seguir en Primeira, o apoio da afección durante os 40 minutos de Cartagena será fundamental, pedimos un último esforzo de Vista Alegre; esperamos que volvan arrouparnos coma nas grandes citas” lanzaba así o chamamento o capitán, Iago Míguez.


“Se os partidos anteriores eran finais para nós, este é aínda máis importante. É o momento de demostrar que queremos seguir sendo un equipo de Primeira División, ao cento por cento. Non esperabamos chegar a esta situación pero as circunstancias leváronnos e temos que facer todo o posible para saír  xa” explicaba con optimismo e forza de vontade o 5 burelista. “Esta semana estamos mentalizados de que temos que traballar por un partido decisivo, son tres puntos moi importantes, que nos poden achegar a outros equipos para fuxir de aí abaixo. Somos moi conscientes da situación, temos que facer autocrítica individual e saír por todas porque esta cita é totalmente diferente” avaliaba o burelao, un dos grandes estandartes do cadro mariñán.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores