Noticias
4 de marzo de 2017
Vista Alegre e afección recuperan a vitoria para o Pescados Rubén
Foto: JM Álvez
O Pescados Rubén Burela FS rompeu a mala dinámica fronte ao Plásticos Romero Cartagena (6-4) reafirmando a súa fortaleza en Vista Alegre e a gran resposta da afección. Malia comezar contra corrente, o cadro mariñán soubo manter a orde que reclamaba Tomás de Dios para ir gañando en ocasións, perigo e acerto finalizador, para recuperarse e marchar ao descanso con 3-1 a favor. Demasiado premio obtivo o Cartagena nos compases iniciais. Aínda non se cumprira o segundo minuto de xogo, cando se adiantou no marcador por mediación de Juanpi; era a súa primeira chegada á portería de Edu e contou coa fortuna dun esvarón da defensa laranxa para descoidar ao naronés cun disparo raso ao pau. Viviu entón os seus mellores minutos, con todo, este era o gran desafío do Pescados Rubén, apostaba ao todo e así o deixou claro, arroupado por un grande ambiente na bancada. Soubo manter a calma e aos poucos foise facendo co marcador. Bellvert avisou no minuto 5 ao pau, pero foi Iago Míguez o encargado de subir o empate, no 9, recibindo un disparo cruzado de Cuco. Tan só uns segundos despois, chegou a de ouro do 18 burelista, anotando desde a banda nun saque de esquina con Cuco como iniciador. Vista Alegre comezou a respirar e a punto estivo de cantar o terceiro no ecuador, que o ex do Burela Enrique Cánovas sacou baixo paus. Fronte ás tentativas dos visitantes, o muro de Edu desartellábao todo. Volveu intentalo o incisivo Bellvert, en 13, co pau como obstáculo, pero non errou Antoñito no 15, que asinou o terceiro laranxa recibindo en pase longo e superando ao gardameta murciano. O Pescados Rubén medrou en ocasións tras o descanso, aínda que o gol se fixo esperar. O Cartagena apostou polo porteiro-xogador con Jesús no minuto 30, tras o cuarto dos galegos, coa marca de Cuco, que aproveitou o rexeite dun potente disparo de Iago Rodríguez. O quinto, para xúbilo da gran Bancada Laranxa, chegou no minuto 33, nas zapatillas de José Carlos a porta baleira; segundos antes, unha falta de Rodrigo anulara outro gol dos laranxas sen meta. Con todo, o Cartagena si que atopou froitos no xogo de cinco; Juanpi volveu perforar a rede, no 34, e Rahali anotou o 5-3 no 37. José Carlos, de novo a porta baleira, ampliou a fend a falta de minuto e medio para a bucina final. Rodrigo puxo máis emoción nos últimos segundos co 6-4, pero o Pescados Rubén soubo manter a renda e a súa máis que merecida vitoria. Ficha técnica Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Isi, Antoñito, José Carlos, cinco inicial; tamén xogaron Iago Rodríguez, Bellvert, Cuco, Hélder Plásticos Romero Cartagena FS: Raúl, Enrique, Josema, Juanpi, Adeirton, cinco inicial; tamén xogaron Rodrigo, Elián, Rahali, Jesús, Asensio, Dani Blanco Goles: 0-1, minuto 2, Juanpi; 1-1, minuto 9, Iago Míguez; 2-1, minuto 9, Bellvert; 3-1, minuto 15, Antoñito; 4-1, minuto 30, Cuco; 5-1, minuto 33, José Carlos; 5-2, minuto 34, Juanpi; 5-3, minuto 37, Rahali; 6-3, minuto 39, José Carlos; 6-4, minuto 40, Rodrigo Árbitros: Gallo Suárez // Velasco Martínez (Asturias). Por Burela, amarela a José Carlos (minuto 28). Por Cartagena, amarela para Jesús (minuto 26), Josema (minuto 29), Raúl (minuto 30), Rodrigo (minuto 32), Incidencias: Partido correspondente á xornada 23 de Primeira División LNFS disputado no pavillón Vista Alegre de Burela ante uns 1000 afeccionados.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores