Noticias
17 de marzo de 2017
Visita á pista do Jumilla, no fondo da táboa

O Pescados Rubén Burela FS realizou a última sesión da semana esta mañá, xa no seu destino da Xornada 24 de Primeira División. Os de Tomás de Dios mediranse mañá ao pechacancelas da clasificación, Bodegas Juan Gil Jumilla FS (18.30 horas), con emisión en directo por streaming LNFS, nunha nova final por afastarse dos postos perigosos, logo de recuperar a tan necesitada senda da vitoria. “Vai ser difícil, van intentar sacarnos do partido pero non podemos caer nesas tentacións. Temos que estar moi concentrados, non descoidarnos e centrarnos soamente no xogo”, explicaba Renato Lopes, unha das Xoias Laranxas do equipo.


Logo de 12 citas de liga sen puntuar, o cadro mariñán puido recoller tres puntos de gloria na xornada pasada, ante Plásticos Romero Cartagena (6-4); tras a Copa de España Cidade Real 2017, volve o traballo para o Pescados Rubén con dose extra de moral: “Regresamos con máis enerxía; estamos máis animados logo da vitoria, antes estabamos algo decaídos”, explicaba o novísimo 27 laranxa, pletórico no seu regreso tamén á liga tras unha contractura: “Volto con máis ganas de xogar, estou ao 101%, con ganas de axudar o máximo ao equipo e sacar isto adiante. Cada vez teño máis confianza, todo o traballo ten a súa recompensa e estoume sentindo ben sobre a pista”.


O Jumilla FS, con 6 puntos no seu haber, chega á cita cos galegos, 14º con 18 puntos, logo de empatar (5-5) na pista canaria; tamén fixo o propio no seu feudo, con outro dos rivais directos dos mariñáns, Plásticos Romero Cartagena hai tres xornadas (3-3). Na ida, os tres puntos quedaron en Vista Alegre nunha cita de moitos goles (9-4), dominada en certos momentos pola ansiedade de puntuar de ambas as escuadras: “Facíannos moita falta os tres puntos aos dous; o partido tivo un final con moita tensión pero iso queda dentro da pista e listo” lembraba o ala burelao.


Ao postoperatorio de Chano, tamén se sumaron esta semana Matamoros e Sergio Cora, intervidos o martes de senllas lesións de menisco. Viaxaron con certas molestias Cuco, por unha contractura, e José Carlos, por un golpe nun ollo durante os adestramentos. Non entrará na convocatoria Joan Miñano, por decisión técnica.


Convocatoria Bodegas Juan Gil Jumilla FS: 2. Abraham Sánchez, 9. Bolívar, 10. Everton, 12. Juan Antonio, 14. Igor, 15. Luque, 16. Joaquín García, 20. Thiago Soares, 25. Iván F., 77 Teo, 90 Fernández


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Bellvert, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder, 31. José Carlos

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores