Noticias
31 de marzo de 2017
Derbi con ánimos de revancha

Vista Alegre acollerá mañá o único derbi galego da segunda volta de Primeira RFEF con espectáculo e emoción garantidos a partir das 18.30 horas. O Pescados Rubén Burela FS recibirá o Poio Pescamar FSF con ánimos de revancha, avalado pola solidez da Bomboneira: “O equipo chega con ganas de desquitarse da derrota da primeira volta (2-0), nun partido no que non estivemos moi finas. Na casa temos que seguir sendo fortes, non podemos deixar escapar puntos” advertía o técnico mariñán Iván Cao, Lucas.


Mariñás e pontevedresas chegan con boas sensacións. Na busca do cuarto triunfo consecutivo, o conxunto burelista afiánzase na cuarta praza (47 puntos) á caza do podio, fronte á sexta das pontevedresas, que encadean dúas vitorias, en rivalidade directa coa quinta posición con outro galego, o Ourense Envialia (37 puntos). “Levan un gran ano, competindo ben, cunha boa mestura de xuventude e veteranía, con xogadoras contrastadas e rapazas da canteira con bos resultados” incidía Lucas.


“Coma todas as semanas adestramos forte. Sabemos que se queremos gañar temos que dar moito máis ca na primeira volta; en Poio non tivemos unha boa tarde, pero agora somos un equipo moito máis traballado, mellor” explicaba a 26 burelista, Elvira, unha das promesas da bisbarra no equipo, cada vez máis cómoda de laranxa, dando un paso adiante xunto ás súas compañeiras máis novas, tal e como piden Lucas e Julio Delgado: “Cada vez estamos achegando máis, perdendo os nervios e máis cómodas na pista. Eu síntome cada vez mellor e cada vez con máis confianza, que é o que me fai falta para seguir mellorando”. A ribadense coincidiu co técnico focego destacando o rival como un “conxunto bo, equilibrado e loitador”.


A única dúbida na convocatoria habitual será Silvia, que sufriu un golpe nun xeonllo durante adestramento desta mañá.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 10. Lara, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 23. Cristina, 26. Elvira


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores