Noticias
8 de abril de 2017
Reparto de puntos no derbi irmandiño
Crónica. Gustavo Voces. ACFSF Reparto de puntos nun competido e equilibrado derbi galego entre Ourense Envialia e Pescados Rubén Burela con alternativas no xogo e no marcador para ambas escuadras. O Ourense Envialia parecía levar o peso do partido no primeiro acto, cun conxunto lucense máis focalizado en tarefas defensivas buscando sorprender ao contragolpe. Precisamente nunha contra visitante chegaba o primeiro gol do partido, obra de Shiori a pase de Cilene tras cruzarse metade de cancha conducindo o balón. Ao borde do descanso, á saída dunha falta o Ourense igualaba o choque cunha falta botada por Luci que se coaba polo medio da barreira a escasos segundos do final. Na segunda parte, o dominio do partido foi alterno, con dous equipos máis abertos e buscando maior presenza ofensiva. As ourensás volteaban o marcador aos 28 minutos de xogo, por mediación de Antía culminando unha boa xogada colectiva local ao segundo pau. Un minuto logo de novo a xaponesa Shiori batía á meta local tras disparo de media distancia que golpeaba en Marta despistando a Vane na súa estirada. O choque mergullábase nun intercambio sostido de ocasións e chegábase ao tramo final con todo por decidir. Dany revolvéndose na zona de pívot conseguía poñer o 2 a 3 aproveitando un envío en longo de Jozi. O Ourense optaba entón polo xogo de cinco e na súa primeira incursión ofensiva igualaba o choque, por mediación de Marta ao segundo pau a pase de Bea Seijas. No tramo final unas e outras se envorcaron sobre a portería rival e o Ourense chegou a volver recorrer ao xogo de cinco nos últimos compases, pero o marcador xa non se movería. Ficha técnica Ourense Envialia: Sarita, Sara Moreno, Marta, Andrea, Lucía –cinco inicial- Antía, Rocío, Chiki, Bea Seijas, Vanessa. Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Lara, Judith, Shiori –cinco inicial- Bea Mateos, Cilene, Elvira, Sofía. Goles: 0-1, m.16, Shiori; 1-1, m.20, Lucía; 2-1, m.28, Antía; 2-2, m.29, Shiori; 2-3, m.37, Dany; 3-3, m.37, Marta. Árbitros: Villarino Barja, Pérez Rodríguez. Santiago Incidencias: Partido correspondente á xornada 24 de la Primeira División. Disputado no pavillón Os Remedios de Ourense.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores